A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer esta mañá as rutas “Camelias e Xardíns históricos”: unha novidosa forma de achegarse ao patrimonio histórico e natural da provincia de Pontevedra. Estas rutas están enmarcadas na campaña de promoción turística “Somos historias”, escollida pola institución provincial para dar a coñecer a provincia ao longo do 2018, Ano Europeo do Patrimonio. “Camelias e Xardíns históricos”, tal e como explicou a presidenta “permitirá ás persoas visitantes gozar do patrimonio histórico e tamén do natural da provincia, representado polas camelias que, nestes momentos, se atopan en auxe”.
Máis polo miúdo, a Deputación oferta cinco rutas totalmente gratuítas que se desenvolverán os días 10 e 17 de marzo, con autobuses con saída desde Pontevedra e Vigo, “para coñecer o patrimonio cultural e natural do conxunto da provincia, dende Terra de Montes ata o Ulla-Umia, Pontevedra, Vigo e O Salnés”, segundo informou Silva.
A primeira das rutas, denominada “Camelias con lenda”, terá lugar o 10 de marzo e trasladará ás persoas participantes ata o castelo de Soutomaior e o pazo de Lourizán. Ese mesmo día terá lugar a segunda das rutas, “Camelias e viñedos”, que percorrerá o pazo Quinteiro da Cruz e o de Rubiáns. Amais, tamén o 10 de marzo, desenvolverase a terceira ruta, denominada “Camelias e Paseos” que levará ás persoas interesadas ata Caldas de Reis, Pontevedra e o pazo de Gandarón.
A presidenta da Deputación explicou que o día 17 de marzo continuarán as rutas, coa cuarta, baixo o nome de “Camelias urbanas”, que percorrerá o pazo Quiñones de León e o parque do Castro, e o último dos percorridos, denominado “Camelias románticas” que levará ás persoas participantes ata o pazo de Oca para contemplar os seus exemplares de camelias.
As persoas interesadas en participar nas rutas, tal e como destacou Silva, deben enviar un e-mail a [email protected] cunha solicitude na que se especifique o itinerario seleccionado, o número de persoas e o lugar de saída (Pontevedra ou Vigo). O prazo de inscrición para participar nas rutas “Camelias e Xardíns Históricos” abrirase o próximo luns, 26 de febreiro.
Esta nova proposta para coñecer a provincia de Pontevedra enmárcase na campaña de promoción “Somos historias” que este ano dará a coñecer a riqueza patrimonial do destino, abordando dende o patrimonio cultural, ao inmaterial, literario ou natural. Amais, “Camelias e Xardíns Históricos” tamén se enmarca no Plan Estratéxico de Turismo, xa que, segundo informou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, “falamos dunha acción diferenciadora, sustentable e desestacionalizadora en base aos recursos que temos na provincia; recursos como os xardíns do Castelo de Soutomaior, clasificado como Xardín de Excelencia, con máis de 300 cultivos diferentes de camelias, ou recursos como os xardíns do Quiñones de León ou o Botánico de Caldas, ambos catalogados como xardíns históricos e Bens de Interese Cultural”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.