Intercambio de experiencias, charlas-coloquio e o máis importante a exposición por parte das e dos protagonistas do traballo feito nos centros de ensino participantes no Consello da Muller Nova (CMN). Son os vimbios do I Congreso de Igualdade do Consello da Muller Nova (CMN) que se vai a desenvolver o sábado 6 de setembro no Pazo da Cultura e no que participarán arredor de 150 alumnas e alumnos de Secundaria (de 1o da ESO a 1o de Bacherelato).
Os CMN de sete centros da cidade farán un pequeno relatorio do traballo desenvolvido no pasado curso (de 16.00 a 17.00 horas):
- O mito do amor romántico, IES Sánchez Cantón
- A muller no mundo do traballo, IES Frei Martín Sarmiento
- Os estereotipos de xénero da música actual, IES A Xunqueira I
- Novos xeitos de ser home ou muller, CIFP A Xunqueira
- Sexismo nos medios de comunicación. Lingua e publicidade, IES As Calasancias
- Violencia de xénero explícita nos estilos musicais, IES Luis Seoane
- As mulleres no espazo urbano, IES Torrente Ballester
Unha actuación da cantante Sés porá o ramo a unha cita que ten na igualdade e o respecto a diversidade sexual o seu fío condutor.
Nos Consello da Muller Nova participan alumnado e profesorado de todos os institutos da cidade agás do IES Valle Inclán e após dun período de maduración no que os contidos estiveron dirixidos pola Concellería de Igualdade, entra neste curso nunha nova fase. “Agora van un chanzo máis alá, cada CNM elaborará o proxecto a desenvolver e pediranos o soporte e colaboración que precisen” explicou a concelleira de Igualdade, Carme Fouces durante a presentación do congreso.
O I Congreso de Igualdade será tamén escenario da entrega dos Premios Ernestina Otero Sestelo, orientados este ano por vez primeira á Educación Infantil, Primaria e Secundaria. O neto da mestra que da nome aos galardóns que distinguen proxectos educativos innovadores e relevantes en canto á incorporación da perspectiva de xénero, Manuel Puga estará presente na entrega dos premios.
Noticias de última hora en Vigo