A Facultade de Historia do campus de Ourense, en colaboración coa revista El Octavo Historiador, vén de convocar a I Olimpíada de Historia. Fai Historia con nós. Con carácter autonómico e pioneiro en Galicia, a cita ten como obxectivo espertar a curiosidade do alumnado preuniversitario por esta área. Os estudantes de 4º de Educación Secundaria Obrigatoria de Galicia interesados en participar neste concurso competitivo de pregunta-resposta teñen de prazo ata o 13 de abril para inscribirse. A competición terá lugar o día 25 de maio no campus de Ourense.
Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia; Beatriz Nieto, egresada deste centro e profesora do Colexio Padre Feijoo-Zorelle, e os membros da publicación El Octavo Historiador e tamén egresados da facultade ourensá Ángeles Coello e David Morenza, foron os encargados este luns de presentar a convocatoria. A idea, explicou a decana, nace da paixón compartida pola historia dos seus promotores, destacando como a iniciativa está liderada por tres egresados e egresadas do centro. A posta en marcha desta I Olimpíada de Historia, apuntou Susana Reboreda, “cubre un oco moi importante” no panorama galego e faino “dun xeito diferente, cun formato de pregunta-resposta, non de exame, moi atractivo e motivador para o alumnado e o profesorado”.
Segundo explicou Beatriz Nieto a proposta xurdiu grazas aos bos resultados acadados polas Olimpíadas Históricas que esta historiadora viña organizando no Colexio Padre Feijoo-Zorelle co seu alumnado de 4º de Educación Secundaria Obrigatoria. Coa posta en marcha desta olimpíada de ámbito galego, os centros participantes, apuntou a profesora, poden aproveitar esa experiencia para levar esta dinámica ás súas aulas. “A historia non é algo aburrido que memorizar e esta olimpíada quere darlle unha volta a esta idea”, comentou David Morenza da iniciativa, que conta coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Ourense, o Consello Social da Universidade de Vigo, a Deputación Provincial, o Concello de Ourense e diversas empresas da cidade, como a Libraría O Moucho, El Octavo Pasajero e Xogon.
Obxectivos, dinámica e premios
Os obxectivos da iniciativa presentada este luns son diversos. Ademais de fomentar en xeral a difusión da historia e a súa utilidade, a olimpíada quere “promover e desenvolver o interese do alumnado de Educación Secundaria pola historia” e “apoiar o desenvolvemento de habilidades transversais de comunicación oral e escrita e senso crítico do alumnado”. Ademais, con esta actividade quérese “recoñecer o esforzo da docencia no fomento de iniciativas novidosas nesta materia, dando a coñecer as súas ideas e premiándoas” e “estreitar as relacións entre os centros de Educación Secundaria Obrigatoria e a Universidade de Vigo para colaborar en tarefas formativas do profesorado”.
A inscrición na I Olimpíada de Historia está aberta ao alumnado matriculado no curso 2017/2018 en 4º curso de ESO de centros galegos. A participación na proba realizarase mediante equipos, podendo cada centro presentar un equipo formado por catro estudantes e un profesor que non participará directamente na competición e que será o encargado da preparación e representación do equipo. Os equipos enfrontaranse nunha competición que seguirá o esquema pregunta-resposta e se circunscribirá ao currículo da materia de Xeografía e Historia de 4º de Educación Secundaria. En función dos equipos inscritos, realizaranse o día 25 de maio sucesivas roldas de probas eliminatorias entre os participantes. As probas serán de preguntas a resposta concreta; cuestións de verdadeiro ou falso; identificación de personaxes e identificación de textos.
Todos os participantes recibirán un diploma acreditativo. O equipo gañador será galardoado cunha tableta para cada un dos membros e un lote de libros e un trofeo para o centro escolar. O profesor encargadorecibirá unha caixa vacacional para dúas persoas. O segundo premio será un libro e un videoxogo para cada un dos membros do equipo e un lote de libros e un trofeo para o centro escolar, recibindo o profesor encargado dúas entradas ás termas e masaxe en Outariz. Por último, o terceiro premio será un videoxogo para cada un dos estudantes e o mesmo agasallo para o profesor que o segundo clasificado.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.