Muller e traballo na era dixital, ventres de alugueiro, cultura da violación, imaxe da muller na publicidade, muller e rendemento deportivo, perspectiva de xénero nas actuacións dos operadores xurídicos… A Unidade de Igualdade ten preparadas para este ano preto dunha vintena de actividades docentes con perspectiva de xénero coas que axudar a espallar a cultura da igualdade entre todo o alumnado da Universidade de Vigo. Organizadas por persoal docente e investigador de diferentes escolas e facultades, haberá actos (xornadas, conferencias, talleres…) ao longo de todo o ano nos tres campus.
“Este ano propuxéronse actividades de moita actualidade e de gran calado social como a cultura da violación na nosa sociedade e os ventres de alugueiro, debates que é imprescindible ter nunha universidade pública como a nosa pola responsabilidade que ten na transmisión de valores igualitarios”, explica a directora da Unidade de Igualdade, Anabel González Penín, quen valorou moi positivamente que as actividades programadas, financiadas con algo máis de 18.000 euros, abren vías de análise que, ata o de agora, non se trataran como a perspectiva de xénero no Dereito Tributario e Financeiro e a actuacións dos operadores xurídicos. Aínda así, segue botando en falla que dende o ámbito científico-tecnolóxico tamén se fagan propostas. “É unha mágoa porque este alumnado recibe escasísima formación en xénero e feminismo e isto dificulta a súa capacitación profesional”, recalca a directora.
En Vigo as actividades concéntranse en Filoloxía e Tradución e CC Xurídicas e do Traballo
As actividades arrancarán no campus de Vigo a próxima semana. Será na Facultade de Filoloxía e Tradución o martes 20 co Workshop Transdisciplinary Approaches to Affect Theory, un obradoiro de dúas horas impartido en inglés pola profesora noruega Libe García Zarranz e no que a experta fará unha introdución ás teorías dos afectos dende perspectivas interdisciplinares feministas, queer, trans, antiracistas e decoloniais… Seguiralle, o martes 27, a mesa redonda Os ventres de alugueiro: mercantilzación neoliberal do corpo das mulleres, na que intervirán a profesora de Dereito Constitucional Mar Esquembre; a xornalista e deputada do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento galego, Olalla Rodil, e o sociólogo e activista LGBT Ángel Amaro, que tratarán de achegar unha visión feminista sobre esta controvertida cuestión.
No caso do campus de Vigo o conxunto de actividades vanse levar a cabo, precisamente, nas facultades de Filoloxía e Tradución e Ciencias Xurídicas e do Traballo. No caso da FFT haberá, ademais dos obradoiros xa mencionados, diferentes conferencias e talleres que traerán ao campus expertas (investigadoras de xénero, tradutoras, editoras…) chegadas de diferentes territorios e que falarán sobre múltiples temáticas: feminismo, tradución, migración, fronteiras étnicas, estereotipos culturais e mitolóxicos…
Na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo celebraranse cinco xornadas, dúas delas desenvolvidas de xeito conxunto coa Facultade de Dereito do campus de Ourense (Muller e traballo na era dixital e Feminismo e Teoría do Dereito). A primeira será o vindeiro mes de marzo e nela analizarase a imaxe da muller na publicidade, achegando diferentes criterios para valorar a legalidade dos anuncios e tamén os principais mecanismos de reclamación para actuar fronte a unha publicidade ilícita.
Muller, creatividade, educación e deporte no campus de Pontevedra
A creatividade, nas súas múltiples versións, a educación e o deporte, son os eixes sobre os que se vertebran as actividades programadas no campus de Pontevedra. Hai propostas novas como Falan ASpublicistAS, dirixida a visibilizar a situación laboral da muller na industria publicitaria a través das profesionais do sector, ou Xénero, feminismo e creación visual, sobre posibilidades formativas na imaxe contemporánea. A elas súmanse outras opcións xa consolidadas como o ciclo de conferencias Unha mirada de xénero, ou as xornadas Identidades creativas e Mulleres e rendemento deportivo.
En Ourense tratarase o caso paradigmático da “manada”
No campus de Ourense as actividades arrancarán o vindeiro 6 de marzo coa Xornada A cultura da violación na nosa sociedade: a “manada” como caso paradigmático. Será na sala multiusos da Facultade de Ciencias da Educación e está previsto que participen Graciela Atenco, de Feminicidio.net; Mónica Alario, filósofa da Universidad Rey Juan Carlos; Beatriz Ranea, socióloga da Universidad Complutense de Madrid e a blogueira Twanda Rebelds.
No caso da Facultade de Dereito haberá os talleres Muller e traballo na era dixital, sobre conciliación da vida familiar e laboral nun contexto de traballo dixitalizado, e Feminismo e Teoría do Dereito, unha reflexión crítica sobre a forma en que certas formas de facer teoría xurídica naturalizan certas situacións de desigualdade.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.