O 21 de outubro a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do Servizo de Bibliotecas, organiza as II Xornadas de Bibliotecas Públicas de Galicia, que baixo o lema Bibliotecas inclusivas: accesibles a todas e todos, celebrarase o luns 21 de outubro no Auditorio 1 CINC – Centro de Innovación Cultural na Cidade da Cultura.
A xornada está dirixida a profesionais das bibliotecas e o prazo de inscrición está aberto do 2 ao 16 de outubro. O obxectivo da iniciativa é crear un espazo de encontro entre os profesionais que desenvolven o seu traballo diario nas bibliotecas públicas de Galicia.
Co lema Bibliotecas inclusivas: accesibles a todas e a todos, a II Xornada pretende destacar o importante papel que deben desempeñar as bibliotecas como espazos accesibles e integradores das persoas con diversidade funcional.
Os eixes arredor dos que xirarán os relatorios serán:
- Accesibilidade universal (física, cognitiva e sensorial): fomentar a autonomía das persoas nos espazos da biblioteca.
- Fondos documentais accesibles: adaptados ás diversas necesidades lectoras e audiovisuais: lectura fácil, lingua de signos, letra grande, linguaxe pictográfica, audiolibros…
- Servizos integradores: adaptar os servizos tradicionais e proporcionar servizos adaptados a colectivos con discapacidade.
- Formación do persoal: a importancia de formar o persoal na atención á diversidade.
Logo da boa acollida da primeira edición da Xornada de Bibliotecas Públicas do ano 2018, neste 2019 búscase encamiñar este espazo de reflexión e encontro dos profesionais das bibliotecas galegas cara ás bibliotecas inclusivas. Estas demandan unha necesaria adaptación dos espazos, as coleccións, os servizos e os profesionais para dar resposta aos retos que presenta a sociedade actual.
Como novidade, esta edición acolle experiencias reais que exemplifican os contidos teóricos que se presentan neste encontro.
A Xornada pecharase coa entrega da segunda edición do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2019, posto en marcha pola Xunta de Galicia no 2018.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.