O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha resolución da Secretaría Xeral de Igualdade que dá conta da ampliación do orzamento da orde de subvencións destinada a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención e loita contra a violencia de xénero postas en marcha polas Asociacións de Nais e Pais galegas (Anpas). A Secretaría Xeral de Igualdade destaca que desta forma búscase amparar ao maior número posible de solicitudes, tendo en conta que é a primeira vez que se publica unha convocatoria destinada a estas entidades e debido á elevada demanda.
Estas axudas, financiadas no desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, estaban dotadas nun principio cun total de 300.000 euros. Agora, tras incrementar o crédito, a contía elevase en 80.000 euros ata os 380.000. Cada solicitude poderá recibir un máximo de 4.000 euros se é de carácter individual; ou de 7.000 euros, no caso das peticións conxuntas presentadas por dúas ou máis Anpas dun mesmo concello ou por unha federación ou confederación de Anpas.
Ao abeiro desta orde de axudas, poderán financiarse programas e actividades de difusión dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarias, ás familias, ás Anpas e á comunidade educativa. Entre as actuacións subvencionables inclúense escolas de pais e nais que aborden temas de igualdade, de educación afectivo-sexual e sobre violencia de xénero; a elaboración de materiais informativos para nais e pais que lles axuden a detectar estes casos; a realización de accións de formación, sensibilización e difusión contra a cosificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas; a formación para pais e nais ou mozos e mozas sobre o uso adecuado e crítico das novas tecnoloxías, sobre todo no que se refire á protección da privacidade e os ciberdelitos; accións de formación coas familias e o alumnado sobre novas masculinidades ou micromachismos; e outras accións que sensibilicen sobre os estereotipos e que dean a coñecer as pautas para previr a violencia de xénero o os protocolos existentes en casos de agresións.
A Xunta considera fundamental a implicación das Anpas galegas para poder chegar ás familias e ao alumnado galego e dotalos das ferramentas necesarias para promover unhas relacións respetuosas e en igualdade que preveñan e axuden a erradicar todas as formas de violencia de xénero.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.