Inditex anima á comunidade universitaria a investigar sobre sustentabilidade aplicada ao téxtil

Tratábase dunha actividade dirixida ao persoal docente e investigador
Por o 26/06/2019 | Sección: Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo
Inditex anima á comunidade universitaria a investigar sobre sustentabilidade aplicada ao téxtil

Organizada pola Vicerreitoría de Transferencia xunto co Campus Crea, a sede da Vicerreitoría do campus acolleu este martes unha presentación do Fondo MIT Spain-Inditex para a Sustentabilidade, unha convocatoria dirixida a financiar proxectos de investigación que poñan o foco na sustentabilidade aplicada ao téxtil. A vicerreitora de Transferencia, María Consuelo Pérez, e o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, acompañaron aos responsables do Departamento de Desenvolvemento Corporativo de Inditex José María Álvarez e Iria Mouzo na presentación desta iniciativa dirixida a financiar proxectos de colaboración entre universidades e institucións españolas e o Massachusetts Institute of Technology (MIT).

Inserido no acordo de colaboración asinado entre Inditex e o MIT, este fondo céntrase no desenvolvemento de proxectos “centrados na sustentabilidade e máis concretamente no ámbito da reciclaxe téxtil, desde a investigación sobre novos materiais, metodoloxías de reciclaxe e separación de fibras, á innovación industrial en materia de economía circular”, explicou Mouzo. Desde o 15 de maio e ata o 17 de setembro permanece aberto o prazo de presentación de propostas á terceira edición desta iniciativa, na que se financiarán cinco novos proxectos “que combinen os recursos das universidades e institucións públicas españolas co MIT”, engadiu Álvarez, director de Desenvolvemento Corporativo de Inditex.

Na primeira convocatoria deste fondo, explicaron, xa fora seleccionada, xunto con outra serie de proxectos, unha investigación na que participa a Universidade de Vigo, centrada “na reciclaxe téxtil e separación de fibras”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.