Informaran ao Parlamento de Galicia do desenvolvemento do Plan galego de vacinación fronte ao SARS-CoV-2

O Goberno galego vén de solicitar a comparecencia da directora Xeral de Saúde Pública, a petición propia, para informar á Comisión de Sanidade sobre o dito plan
Publicado por o día 01/01/2021 na sección de Coronavirus

Informaran ao Parlamento de Galicia do desenvolvemento do Plan galego de vacinación fronte ao SARS-CoV-2

A Xunta de Galicia vén de rexistrar no Parlamento galego a solicitude de comparecencia, a petición propia, da directora Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán Parrondo, para informar sobre o Plan Galego de Vacinación fronte ao SARS-CoV-2, no seo da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, da Cámara lexislativa autonómica.

Esta comparecencia enmárcase na intensa estratexia de divulgación despregada pola Xunta de Galicia ao respecto deste plan, cuxos detalles foron explicados en xuntanzas coas organizacións sindicais e cos grupos políticos no mesmo día da súa aprobación por parte do Consello da Xunta.

Na semana seguinte á súa aprobación, o conselleiro de Sanidade e o resto de cargos do Servizo Galego de Saúde informaron sobre o contido do plan a representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias, Colexios Oficiais de Enfermería, Colexios Oficiais de Médicos, e sociedades científicas galegas de medicina e enfermería de atención primaria, medicina preventiva, alerxias e inmunoloxía, e xerontoloxía e xeriatría.

Posteriormente, a Xunta organizou unha xornada divulgativa e formativa a través da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), dirixida, en primeiro lugar, ao persoal dos equipos coordinadores de vacinación, e posteriormente repetida, divulgada en aberto, e cuxa gravación está dispoñible para profesionais e público xeral.

Unha vez iniciado o proceso de vacinación na súa primeira fase, a intención da Xunta de Galicia é dar conta do desenvolvemento do plan ante o Parlamento de Galicia, en canto comece o novo período de sesións.