Un servizo con xestión administrativa, atención ao público e dispoñibilidade de información propia do século XXI. Con este obxectivo o departamento municipal de Cemiterios, que dirixe a concelleira Carme Fouces, traballa na posta ao día de San Amaro e dos outros camposantos do Concello, guiado por tres liñas de actuación:
- implementación informática
- mellora do equipamento técnico e mecánico e das condicións de traballo dos operarios
- posta en valor do patrimonio cultural e arquitectónico que hai nestes espazos.
Coa festividade de Todos os Santos á volta, unha data que encherá de xente os camposantos de Pontevedra, o departamento de cemiterios fai balance das melloras incorporadas no último ano.
O tránsito de San Amaro ao século XXI avanza chanzo a chanzo. O proceso de informatización comezou coa introdución e acceso aos datos básicos do cemiterios: definición da propiedade, titular, inhumacións feitas, variacións rexistradas (titularidade, movemento de restos, agrupamentos…) dende o ano 1912, data dende a que se garda a documentación dun xeito máis o menos sistemático.
Rematada esta fase fíxose o inventario de todos os nichos de cemiterio e hoxe en día estase traballándose na elaboración do inventario dos panteóns.
O programa informático co que se está a traballar permite introducir información sobre persoeiros senlleiros enterrados no cemiterio pontevedrés e sobre tumbas e panteóns con valor artístico e arquitectónico. Esta información atópase en proceso de elaboración xa que ademais dun valor descritivo ten o afán de poñer en valor o noso patrimonio.
Ao final, como ramo do proceso de informatización, instalarase unha pantalla/ordenador no exterior coa información sobre o cemiterio (planimetría, localización de nichos e panteóns,…) para que a xente que se achegue poda consultala a golpe de clic.
Aínda que, nesta primeira fase, é San Amaro o cemiterio que está a concentrar os esforzos de renovación, xa están feitas as planimetrías dos outros camposantos de titularidade municipal: Campañó, Lourizán, Bora e Ponte Sampaio.
Por outra banda nos últimos tempos mellorouse o equipamento do servizo coa adquisición dunha furgoneta e maquinaria (desbrozadora, de limpeza…), ademais de renovar material en mal estado polo uso. Ademais repúxose a iluminación no cemiterio de Campañó.
O servizo municipal de Cemiterios conta cunha nómina de oito traballadores: 2 de administración, e un reforzo nesta etapa de informatización dun auxiliar administrativo, e unha brigada de 6 sepultureiros que tamén fan labores de mantemento e coidado dos xardíns dos recintos funerarios. Paraa axudar á realización das tarefas de coidado e mantemento dos cemiterios, o Concello ten previsto asinar no próximo ano un convenio de colaboración coa Asociación Xoán XXIII.
A posta en valor do patrimonio cultural, artístico e arquitectónico do cemiterio de San Amaro é tamén de interese para o Concello. Persoeiros do mundo da cultura, da política, artistas, figuras relevantes na historia da cidade e do país están enterrados en San Amaro, entre outras, as irmáns Mendoza, Alejandro Rodríguez- Sesmero, Manuel Quiroga, Alexandre Bóveda, Josefina Arruti ou María Victoria Moreno. Coñecer as súas tumbas como colofón das súas vidas, mais tamén apreciar a beleza artística de panteóns, estatuas ou elementos ornamentais -como a súa entrada neoclásica- constitúe un exercicio de aprendizaxe ao que se suma cada vez máis xente. Roteiros protagonizados por alumnos e alumnas de institutos; visitas guiadas como as promovidas pola Deputación de Pontevedra ou incluídas en programas de ocio como Noites Abertas falan do crecente interese por un cemiterio que abriu as portas o 1 de outubro de 1882 e que agocha nos seus muros historia, arte, lendas.
Posta a punto para Defuntos
O proceso de renovación do servizo de Cemiterios non esquece a proximidade das xornadas de Todos os Santos e Defuntos polo que a brigada de cemiterios traballa arreo nestes días para a posta a punto de San Amaro: recorte das sebes, perfilado das árbores, limpeza con auga a presión, arranxo de pavimentos e grava, repaso das luces…
A poda das árbores, a roza dos accesos e perímetros e a limpeza con auga presión esténdese ao resto dos camposantos municipais
Nos días de Todos os Santos e Defuntos, nos que son miles as persoas que se achegan aos cemiterios para levar flores aos seus mortos, instalaranse como é habitual colectores adicionais de lixo, a cargo da empresa concesionaria do servizo municipal de limpeza, para atender as necesidades especiais destas xornadas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.