A interoperabilidade da e-receita posibilita aos galegos retirar 10.029 receitas noutras comunidades autónomas

A interoperabilidade da receita electrónica permite que os cidadáns galegos poidan recoller a medicación prescrita en Galicia en calquera oficina de farmacia das comunidades xa certificadas
Publicado por o día 08/01/2018 na sección de Sanidad

A interoperabilidade da e-receita posibilita aos galegos retirar 10.029 receitas noutras comunidades autónomas

A receita electrónica do Servizo Galego de Saúde funciona xa en 11 comunidades autónomas. É dicir, cada cidadán galego coa súa tarxeta sanitaria pode recoller a súa medicación prescrita en calquera farmacia de Castela-A Mancha, Canarias, Estremadura, Aragón, Comunidade Valenciana, A Rioxa, Castela e León, Navarra, Asturias e Murcia, ás que se sumarán de maneira inminente Cantabria, Cataluña, e País Vasco. Con isto só faltan por incorporarse ao sistema de prescrición electrónica de receitas interoperables do Sistema Nacional de Salud (SNS) Madrid, Andalucía, Baleares, Ceuta e Melilla.

Galicia incorporouse ao proxecto en marzo de 2017 e ata outubro de 2017, 2.900 cidadáns galegos retiraron 10.029 receitas de oficinas de farmacia dalgunhas desas comunidades autónomas.

Pola súa banda, 5.701 pacientes doutras comunidades autónomas recolleron en oficinas de farmacia galegas 24.348 dispensacións de produtos farmacéuticos ou medicación prescrita fóra de Galicia.

O usuario simplemente ten que indicar ao farmacéutico a comunidade autónoma na que se realizou a prescrición, e só é necesario presentar a tarxeta individual para recoller a medicación ou produto farmacéutico indicado.

O sistema de receita electrónica informa automaticamente á comunidade autónoma da prescrición dos produtos e envases retirados, quedando así descontados para as seguintes dispensacións.

Para saber en que comunidades autónomas pódese recoller produtos farmacéuticos prescritos noutras comunidades, pódese consultar a páxina web https://www.msssi.gob.es/profesionales/recetaElectronicaSNS/

Interoperabilidade da receita electrónica

O Servizo Galego de Saúde traballa dende 2015 en colaboración co Ministerio de Sanidade e as outras comunidades, co obxectivo de que calquera cidadán poida recoller en calquera oficina de farmacia do país unha prescrición realizada en receita electrónica, independentemente da comunidade na que se realizou a prescrición.

A mobilidade dos cidadáns fixo necesaria a implantación dun sistema que permitise intercambiar toda a información contida nunha receita entre comunidades autónomas. Con este obxectivo, o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade desenvolveu o proxecto de interoperabilidade de receita electrónica do Sistema Nacional de Saúde.