Investigadoras viguesas coorganizan a I Xornada de Tradución Literaria Alemán-Galego

Silvia Montero e Patricia Buxán participarán no evento con diferentes actividades
Publicado por o día 22/01/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Investigadoras viguesas coorganizan a I Xornada de Tradución Literaria Alemán-Galego

O mundo da tradución ten este sábado unha cita importante. Será en Santiago de Compostela coa celebración da I Xornada de Tradución Literaria Alemán-Galego, un evento organizado pola Asociación Galega de Xermanistas coa colaboración das universidades de Santiago de Compostela e Vigo e no que van participar investigadoras e profesionais da tradución cunha ampla traxectoria neste eido.

“A xornada ten como obxectivo a reflexión ao redor do proceso e o mercado da tradución literaria en Galicia e en galego a partir da lingua e cultura alemá”, explica unha das organizadoras da xornada, Silvia Montero, investigadora do grupo Bitraga-BiFeGa da Universidade de Vigo. Xunto a ela forman parte do comité organizador a tamén investigadora viguesa Patricia Buxán; David A. Álvarez, da Asociación Galega de Xermanistas e a profesora do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da USC, Rosa Marta Gómez. Nesta primeira edición preténdese, segundo indican dende a organización, ofrecer unha visión do estado actual da tradución de literatura alemá ao galego e reflexionar sobre o proceso da tradución, así como tamén visibilizar, recoñecer e impulsar o labor tradutolóxico en galego.

O evento terá lugar na Biblioteca Concepción Arenal no Campus Vida de Santiago de Compostela a partir das 10 horas e conta co apoio da AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación) e do ÖAD (Servizo Austríaco de Intercambio). O programa arrancará ás 10.00 horas da man da Asociación Galega de Xermanistas e a conferencia inaugural correrá a cargo de Silvia Montero, que fará unha presentación xeral do panorama das traducións alemán-galego. Haberá ademais un obradoiro práctico de tradución de literatura infantil e xuvenil e unha mesa redonda onde participarán importantes editoriais galegas coma Galaxia e Kalandraka e editoras especializadas en tradución de narrativa universal, como Hugin e Munin e Irmás Cartoné.

Comentar noticia

Your email address will not be published.