Mujeres matemáticas. Trece matemáticas, trece espejos é unha viaxe pola vida e polo traballo científico de mulleres que realizaron importantes achegas en álxebra, xeometría e cálculo. A través de trece retratos, completados con actividades e experimentos, o volume achega as e aos lectores os logros científicos destas matemáticas nun libro colaborativo, editado e coordinado por Marta Macho Stadler, profesora na Universidad del País Vasco e ao que contribuíron quince persoas, entre as que se atopan Amelia Verdejo, Carmen Quinteiro e Miguel Ángel Mirás, docentes na da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo.
O volume fai un percorrido polas figuras de Caroline Herschel, Sophie Germain, Ada Lovelace, Florence Nightindale, Sofia Kovalevsky, Emmy Noether, Gertrude Blanch, Rózsa Péter, Emma Castelnuevo, Katherine Johnson, María Josefa Wonenburger Planells, Graciela Salicrup López e Maryam Mirzakhani. Dentro de este elenco de mulleres matemáticas e baixo unha proposta xa definida pola coordinadora do proxecto, os investigadores do Departamento de Matemáticas da Universidade puideron escoller sobre quen querían traballar.
Deste xeito, Verdejo, Quinteiro e Mirás, son os responsables de dous dos capítulos que compoñen o volume: o primeiro deles, elaborado por Verdejo, é unha achega á figura de Sofia Kovalevsky, mátematica rusa do século XIX, mentres que o segundo, escrito de forma conxunta por Quinteiro e Mirás, fai un percorrido pola obra e vida de Caroline Herschel, astrónoma alemana que viviu entre os séculos XVIII e XIX.
Kovalevsky, matemática e activista política
Amelia Verdejo, achéganos, a través do seu capítulo, a vida de Sofia Kovalevsky, unha matemática rusa que viviu na segunda metade do século XIX. Dentro das mulleres propostas pola coordinadora deste proxecto, Verdejo salienta que “a pesar de que había moitas e moi interesantes, a posibilidade de facer a Sofía Kovalevsky fixo que me decantara por ela sen apenas dubidalo”.
Kovalevsky ocupa o primeiro capítulo deste volume, no que se salienta as contribucións que fixo á física a través do seu teorema para a resolución de ecuacións diferenciais en derivadas parciais. A súas achegas teñen aplicacións na mecánica cuántica, a propagación do son ou da calor e na dinámica de fluídos, ademais tamén “foi unha gran divulgadora, novelista e dramaturga, cun compromiso político e social dende moi nova que a levou a tomar parte activa nos movementos sociais máis importantes e pioneiros da Europa na que lle tocou vivir”, subliña Verdejo.
Caroline Herschel, da música á astronomía
Carmen Quinteiro e Miguel Ángel Mirás son responsables do capítulo dedicado a Caroline Herschel, astrónoma alemana que viviu entre os séculos XVIII e XIX. “Foi unha proposta que nos fixo a coordinadora do libro e nós aceptamos con gusto porque, baseándonos na figura de Herschel, xa tiñamos feito traballos, divulgación e mesmo participado na gravación dunha curtametraxe”, salienta Quinteiro.
Precisa para os cálculos, segundo salienta Carmen Quinteiro, Herschel foi a primeira muller astrónoma asalariada da historia. Comezou estudando canto e rematou traballando a carón do seu irmán, William Herschel, colaborando con él na construcción de telescopios. “Tamén realizou as súas propias observacións, que a levaron a descubrir oito cometas”, subliña Quinteiro, e colaborou co seu sobriño, John Herschel, na reorganización de todas as nebulosas atopadas polo seu irmán.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.