La Fura dels Baus contará coa participación de membros da centenaria Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos para o seu macroespectáculo deste mércores no Gaiás, NN (Nova Normalidade). Nel a compañía catalá salienta o papel do persoal sanitario e científico que traballa na loita contra a covid-19.
A Praza Central da Cidade da Cultura acollerá ás 21,00 horas o macroespectáculo, dirixido por Carlus Padrissa, e no que están implicados un cento de cantantes, bailaríns e actores. Entre eles, estarán máis dunha vintena de Cantigas e Agarimos, agrupación senlleira fundada en Santiago de Compostela en 1921, e unha das máis antigas dedicadas ao folclore galego. Dende a súa fundación, traballa a prol da recuperación, conservación e transmisión da cultura tradicional galega.
Obxectivos de Desenvolvemento
NN (Nova Normalidade) toma como punto de partida a loita contra a covid-19, trazando un paralelismo entre os sanitarios e científicos do momento actual e os exploradores que séculos atrás abriron novas rutas marítimas ata conectar todos os océanos e circunnavegar o planeta demostrando que a Terra é esférica.
Con esta peza, La Fura capta ademais a nova normalidade como un berro unánime para que a Humanidade se una na consecución dos 17 ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible). A proposta, que integra música, canto, actuación e performance baixo a icónica linguaxe fureira conta coa voz da soprano Alba Fernández Cano, e a música do guitarrista Pep Mendoza.
O espectáculo, promovido pola Fura dels Baus, conta con colaboración da Cidade da Cultura a través da cesión da praza para a súa representación. As entradas xa se poden mercar na web www.lafura.com a un prezo de 25€. Os ingresos pola venda de entradas corresponderán a La Fura dels Baus, quen anunciou que destinará unha parte do que recaude a colaborar con iniciativas de investigación e loita contra a covid-19.
Nova Normalidade vén de estrearse os días 3 e 4 de xullo no recinto modernista do Hospital de Sant Pau de Barcelona, no marco do festival Cruïlla XXS. O 10 e 11 de xullo recalou no Hospital de Igualada, para emprender a continuación unha xira por recintos de todo o país, que ademais de Galicia inclúe paradas en Madrid ou Cantabria.
Protocolos de seguridade
NN (Nova Normalidade) será o primeiro espectáculo de gran formato tras o estado de alarma que chega á Cidade da Cultura, aproveitando as posibilidades que ofrecen os seus amplos espazos exteriores. A representación desenvolverase no medio dun estrito protocolo de seguridade e hixiene, no cumprimento das medidas de prevención esixidas nesta etapa poscovid-19.
O público sentarase en cadeiras con separación de 1,5 metros entre elas, nunha función que terá lugar ao aire libre, na praza central da Cidade da Cultura, coa obrigatoriedade de traer máscara e mantela durante todo o espectáculo, ao igual que o de manter en todo momento a distancia social entre os asistentes non pertencentes á mesma unidade familiar. Ademais, tampouco haberá programa de man impreso e recoméndase consultar toda a información no seu formato dixital en www.cidadedacultura.gal e www.lafura.com.
Sobre La Fura dels Baus
La Fura dels Baus foi pioneira en reconceptualizar dous dos aspectos máis importantes de todo arte dramático: o espazo e o público. Así, respectivamente, redefiniron os escenarios – trasladándoos a espazos non convencionais– e mudaron de pasivo a activo o papel do público. Coa inquedanza e a necesidade constante de explorar novas tendencias artísticas desenvolveron, mediante un proceso de creación colectiva, unha linguaxe, un estilo e una estética propios que souberon levar a diferentes xéneros: a arte escénica, a ópera, o cinema ou o macroespectáculo.
Carlus Padrissa, director do espectáculo NN (Nova Normalidade), é un dos directores artísticos de La Fura dels Baus, que forxou obras como Accions (1984), Suz/O/Suz (1985), Tier Mon (1988) ou Noun (1990), que consolidaron o traballo da compañía. Impulsor da participación do grupo na cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos de Barcelona de 1992, conta cun amplo abano de aclamadas postas en escena de óperas na súa traxectoria. Capitanea ademais un dos proxectos máis ambiciosos da Fura: converter o barco Naumon nun escenario flotante de 60 metros de longo e 1.100 toneladas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.