Lalín acolle este mes de novembro sete novas accións formativas do programa “SmartPeme”

Están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades
Publicado por o día 04/11/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Lalín

Lalín acolle este mes de novembro sete novas accións formativas do programa “SmartPeme”

A Deputación de Pontevedra programou para este mes de novembro sete novas accións formativas do programa “SmartPeme” en Lalín. Estas sesións están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes, co obxectivo de aumentar a súa competitividade. Deste xeito, “SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

Así, os cursos impartiranse desde o 7 ata o 27 de novembro e serán os seguintes: Crea a túa Tenda en liña con Prestashop, que terá lugar o xoves 7 de novembro de 18.00 a 21.00 horas, Aprende a Promocionar a túa Empresa con Pinterest, que será o martes 12 de novembro de 19.00 a 21.00 horas, Ferramentas de Márketing Dixital para Empresas Turísticas, que se realizará o xoves 14 de novembro de 17.00 a 19.00 horas, Crea o teu Propio Logotipo con Canva, cuxo horario será de 19.00 a 21.00 horas o martes 19 de novembro, Desenvolve a túa Propia Estratexia de Email Márketing, que se impartirá o xoves 21 de novembro de 19.00 a 21.00 horas, Crea unha Campaña de Email Márketing con MailChimp, que terá lugar o martes 26 de novembro de 19.00 a 21.00 horas, e Crea un Plan de Márketing para a Campaña de Nadal, que se realizará o mércores 27 de novembro de 19.00 a 21.00 horas.

Os obradoiros impartiranse no Viveiro de Empresas de Lalín (Polígono Lalín 2000, parcela E) a excepción do obradoiro titulado Crea un Plan de Márketing para a Campaña de Nadal, que se realizará no Viveiro de Empresas da Estrada. As inscricións para tomar parte nestas accións formativas pódense facer no número de teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal.