Lalín acollerá este mes de xaneiro sete novos obradoiros do programa “SmartPeme”

O programa de asesoramento no ámbito das TIC da Deputación de Pontevedra está destinado ás persoas emprendedoras, autónomas e ás pemes da provincia
Publicado por o día 07/01/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Lalín

Lalín acollerá este mes de xaneiro sete novos obradoiros do programa “SmartPeme”

O Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000 acolle durante este mes de xaneiro sete novos obradoiros ao abeiro da rede TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra. “SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

A primeira cita do mes na oficina “SmartPeme” de Lalín terá lugar este martes 8 de xaneiro, ás 19.00h, en concreto o curso “Como promocionar o teu propio evento en redes sociais”. A segunda cita será esa mesma semana, o 10 de xaneiro, cando a partir das 19.00h celebrarase “Mide os teus obxectivos en redes sociais: Análise de estatísticas”.

O martes 15 de xaneiro, ás 17.00h, terá lugar en Lalín o curso “Xestiona o teu negocio dende o móbil” e o xoves 17 de xaneiro, ás 19.00h “Márketing de contidos: Como xerar unha estratexia efectiva”. O seguinte obradoiro será “Woocommerce: A solución que buscabas para vender por Internet”, que organizarase o xoves 24 de xaneiro ás 18.00h. Por último, o martes 29 de xaneiro ás 19.00h impartirase o curso “Chatbots: A automatización da atención ao cliente” e o xoves 31 de xaneiro, ás 17.00h, “O márketing móbil e a súa importancia no sector turístico”.

A oficina “SmartPeme” de Lalín, no Viveiro de Empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.