Lídia Senra denuncia ante a Comisión Europea o desbordamento da balsa mineira de Touro

Defende que os vertidos vulneran a Directiva 2006/21/CE referida á xestión dos residuos de empresas extractivas e a Directiva 2004/35/CE sobre responsabilidade e reparación de danos ambientais
Publicado por o día 25/02/2018 na sección de Política,AGE

Lídia Senra denuncia ante a Comisión Europea o desbordamento da balsa mineira de Touro

A eurodeputada galega Lídia Senra denunciou o xoves ante a Comisión Europea (CE) o desbordamento da balsa de residuos da antiga mina de cobre e ouro que tivo lugar a semana pasada na parroquia de Bama (concello de Touro). A parlamentaria rexistrou un escrito en Bruxelas no que informa ao ente comunitario dos danos ambientais que provocan os continuos vertidos que se producen na zona onde entre os anos 70 e 80 estivo operativa a explotación de Sociedad Minera y Metalúrgica de Peñarroya y Río Tinto Patiño. 

Senra considera que o desbordamento que tivo lugar o pasado día 15 da balsa de Bama, que está situada a 100 metros do río Brandelos, a onde foron parar os residuos, é xa a gota que colma o vaso e un exemplo claro de vulneración da Directiva 2006/21/CE referida á xestión dos residuos de industrias extractivas e da Directiva 2004/35/CE sobre responsabilidade e reparación de danos ambientais. Ademais, Senra defende que tanto as empresas responsables daquela explotación mineira, como a Xunta de Galicia e o Goberno estatal español están a vulnerar totalmente a Directiva Marco da Auga 2000/60/CE, por non facer nada ante a continua contaminación que padecen as canles fluviais da contorna, moitos regatos pequenos que van parar ao río Ulla, trasladándose a contaminación até a ría de Arousa onde desemboca. “Estamos a falar dun problema que trascende o local, que vai moito máis alá de Touro e que contamina desde os pastos que hai a carón dos regatos de Touro até os bancos marisqueiros da costa”, dixo. “E ademais non é un problema puntual dun día. Eu mesma vin nunha visita realizada á zona no pasado outubro como ía o rego Pucheiras, por exemplo, tamén afluente do Ulla, no treito posterior á mina. Arriba da mina vai claro e vivo, abaixo da mina vai totalmente turbio e morto, e isto é a diario. Está á vista de calquera”, argumentou.  

Neste sentido, Senra pídelle á CE que actúe dunha vez e adopte as medidas necesarias para comprobar se se está aplicando ben ou non a Normativa da Unión con respecto a esta situación e  máxime cando por se non fora suficiente con este problema que leva arrastrándose décadas, está enriba da mesa un proxecto de nova explotación de mina de cobre a ceo aberto en Touro e O Pino por parte de Cobre San Rafel S.L. que de ir adiante ocuparía a barbaridade de 122 quilómetros cadrados. 

O escrito de Lídia Senra á CE non é o primeiro que esta eurodeputada presenta nas institucións comunitarias relativo a este tema. De feito, Senra xa informou no pleno do Parlamento Europeo , en Estrasburgo, en outubro, do vertido continuado de residuos tóxicos que se podería estar levando a cabo na actualidade e sen ningún tipo de control nas instalacións da antiga mina. Senra levou daquela ao hemiciclo europeo fotografías que amosaban o estado dos ríos e a zona, así como as escombreiras e balsas, que poderían estar sendo utilizadas, como asegura a veciñanza, para verter residuos, algúns deles tóxicos, sen tratamento previo e chegados de diferentes lugares da Galiza en camións, como poden ser cáscaras de mexillón, pilas, material sanitario e de enfermería ou lodos de depuradoras. Nunha intervención no pleno, Senra pediu que se abrira canto antes unha investigación independente que inclúa a realización de analíticas tanto das augas dos ríos como das balsas e escombreiras. 

Tamén en outubro rexistrou unha pregunta por escrito dirixida á CE na que lle informaba sobre o novo proxecto mineiro previsto para a zona e advertía que non sería compatible coa Directiva 2006/21/CE. Non obstante, daquela a CE considerou que debido a que as operacións de extracción do mineral aínda non comezaron porque o novo proxecto aínda non ten a concesión, resultaba prematura avaliar se coa actividade da mina se vulneraría ou non a citada directiva relativa á xestión dos residuos de empresas extractivas. Non obstante, na súa resposta, o comisario de Medio Ambiente europeo, Karmenu Vella, advertía: “Nos Estados membros recae a responsabilidade primaria de traspoñer e aplicar correctamente a lexislación da UE, así como de arbitrar medidas que garantan a protección xurídica efectiva nos ámbitos cubertos por dita lexislación. En caso de evidenciarse unha aplicación incorrecta do Dereito da Unión, a CE, na súa función de gardana dos Tratados, adoptará as medidas necesarias, que inclúen no seu caso, procedementos de infracción”. 

Senra considera que o desbordamento da balsa esta semana pasada é un claro exemplo de vulneración das normativas europeas e agarda por iso, que agora si, a CE tome cartas no asunto. A Comisión debería respostar no prazo de entre 4 e 6 semanas á nova petición da eurodeputada galega.