Lídia Senra impulsa o debate para definir a Política Agraria Común que queremos na Galiza e na UE

A eurodeputada organiza a xornada ‘A futura PAC para as zonas de montaña’, o sábado 12 de maio no Salón de Actos do Concello de Laza
Publicado por o día 08/05/2018 na sección de Política,AGE,Eventos

Lídia Senra impulsa o debate para definir a Política Agraria Común que queremos na Galiza e na UE

A eurodeputada galega Lídia Senra quere impulsar o debate na Galiza para definir a futura Política Agraria Común (PAC) que queremos no noso rural. “É moi importante iniciar o debate porque é necesario concretar o que queremos para o sector agrario e gandeiro galego e empezar xa para defendelo, sen esperar a que chegue o momento no que veña xa definido pola UE e non teña marcha atrás”, reivindicou a europarlamentaria. Por ese motivo, organizará o próximo sábado, 12 de maio, no Salón de Actos do Concello de Laza (Ourense), unha xornada que leva por título ‘A futura PAC para as zonas de montaña’, á que anima a asitir a todas as persoas de calquera parte da Galiza interesadas en debater e fixar posición común, nun momento no que a Comisión Europea (CE) está negociando e elaborando as novas propostas lexislativas na materia.

O pasado 29 de novembro, a Comisión Europea presentou a súa comunicación titulada “O futuro dos alimentos e da agricultura”. Trátase do documento de orientacións da futura PAC, no que non aparecen propostas lexislativas nin concrecións sobre como se aplicará, pero que establece unha serie de elementos sobre os que vai xirar o debate que agora se abre a todos os niveis, na Galiza, nos Estados e nas institucións europeas. Previsiblemente, a finais de maio ou principios de xuño, a Comisión presentará as súas propostas lexislativas e comezará o debate, calculando que no 2019 haberá un novo acordo, unha vez comece a seguinte lexislatura europea. “E temos que estar preparadas e preparados”, reclamou Senra, preocupada ademais polo anuncio realizado esta semana pasada, cando a CE fixo pública a súa proposta para o Marco Financeiro Plurianual 2021-2027 que contempla, tal e como viña anunciando xa había tempo, recortes nos fondos da PAC dun 5% e tamén dos fondos de cohesión nun 7%.

A xornada que se celebrará en Laza, aberta á asistencia de todas as persoas interesadas e para a que non é necesario inscribirse previamente, pretende abrir o debate ao sector nun espazo como é a provincia de Ourense, onde o abandono do sector primario, o despoboamento e a falta de oportunidades no rural é moi acuciante. Así, abrodarase a situación tendo en conta que a PAC representa actualmente unha parte importante das rendas do sector agrogandeiro galego a través dos pagos directos do primeiro piar e unha fonte de financiamento para o rural a través dos plans de desenvolvemento do segundo piar. Tamén se falará sobre unha parte que non acostuma a entrar nos debates e que tamén se inclúe na reforma da PAC, como é a Organización Común de Mercados, onde se regulan aspectos tan importantes como as medidas de intervención, os programas de apoio ao sector vitivinícola, as axudas no sector apícola, as normas de comercialización, as organizacións de produtores e produtoras, as denominacións de orixe, as indicacións xeográficas protexidas, as medidas para o sector do leite e produtos lácteos, as normas de competencia… entre outros temas extraordinariamente importantes para o sector primario galego. Igualmente, abordarase un dos problemas máis importantes que tivo a aplicación da actual PAC na Galiza, como é a consideración por parte da UE, do Ministerio e da Consellería, dos Pastos Arbustivos e dos Pastos con Arboredo, que implicou graves problemas para a maioría das ganderías en extensivo da provincia , en principio as máis sostibles.

A xornada comezará o sábado ás 10:00 horas da mañá e prolongarase até as 14:00, para despois de xantar continuar os debates entre as 16:00 e as 18:00 horas. Ademais da propia Lídia Senra, intervirán como ponentes nas diferentes mesas persoas como Xosé Ramón Cendán, membro da Executiva Nacional do Sindicato Labrego Galego (SLG); a economista Ana Rodríguez Vázquez; o concelleiro de LugoNovo Víctor Álvarez García; a responsable técnica de PAC do SLG María Fernández Granja; o director técnico da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA), Carlos Rodríguez Rodríguez; o membro da Plataforma Española de Pastoralismo e Gandeiría Extensiva Pedro M. Herrera; o gandeiro de Cimadevila Xosé Blanco Blanco; o deputado do Parlamento Galego e membro de Amarelante Sociedade Cooperativa Galega, Davide Rodríguez EstévezSonia Vidal Lamas, de Gandeiría Rodríguez VidalRomán Cid Álvarez, presidente da Asociación Abellas NaisSamuel Formoso Salgado, gandeiro de vacas de carne; Eloi Prieto, gandeiro de ovellas; e Jorge Lorenzo Vila, veciño de Laza.