A eurodeputada galega Lídia Senra organiza este próximo sábado, 9 de xuño, na Salón de Actos da Casa da Cultura de Monforte de Lemos, unha xornada para intercambiar información e debater sobre os incendios forestais, as súas causas, a xestión que realizan as Administracións e posibles opcións de prevención para intentar deter esta lacra que ano tras ano arrasa Galiza. Baixo o título ‘Os incendios forestais na UE: Alternativas de protección’, a xornada, que está aberta a todas as persoas que desexen asistir de público, sen necesidade de inscrición previa, estruturarase en diferentes coloquios, entre as 10:00 e as 14:00 horas nas sesións da mañá e entre as 16:00 e as 18:30 horas pola tarde.
Senra anima a toda a xente de Monforte e arredores e de calquera parte da Galiza preocupada con como atallar o problema dos incendios forestais a asistir á xornada completa ou a aquelas mesas de debate que considere. O evento pretende propoñer alternativas aos cortalumes de terra espida que desertizan e desecan a terra, contaminan as augas e erosionan o monte e afondar sobre como se pode realizar o mantemento e coidado das pistas forestais para evitar os lumes sen que se produzan danos na paisaxe e na terra. O evento ten o obxectivo tamén de coñecer as actuación que leva a cabo a Xunta de Galiza antes, durante e despois dos lumes, tendo aínda moi presentes os incendios do 2017 no Concello de Monforte. Abordar as melloras que se poderían facer na extinción dos incendios e analizar as posibilidades de valoración do monte serán outros dos puntos a tratar na xornada.
Así, tras a apertura por parte da propia Lídia Senra, ás 10:30 horas terá lugar unha mesa sobre ‘Cortalumes verdes e outras alternativas aos cortalumes de terra espida’, na que intervirán Antonio Rodríguez García, gandeiro de cabrún de leite e membro da Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG), que falará sobre a Rede de áreas pasto e cortalumes en Andalucía; Felipe Castro López, axente medioambiental da Xunta; e Claudio Quintillán Vallejo, técnico de explotacións forestais e membro da Asociación Galega de Comunidades de Montes. Maribel García Díaz, concelleira de Monforte de Lemos por Esperta Monforte será a encargada de introducir e moderar esta mesa.
Ás 12:15 horas, comezará o coloquio sobre ‘Avaliación das actuacións da Xunta antes, durante e despois dos lumes’, con Lídia Senra introducindo e con Luísa Pallares González, presidenta da Asociación de Veciños e Veciñas de Chavaga; María Teresa Rodríguez Rodríguez, da mesma Asociación; Orlando Gregorio Álvarez Álvarez, biológo e castañicultor no Courel; e Diego Sánchez Agra, enxeñeiro forestal e membro da Asociación Forestal Frouma.
E xa nas sesións da tarde, ás 16:00 horas será a quenda do coloquio sobre ‘Aprender dos erros. O sistema de emerxencias e extinción dos lumes forestais’, no que participarán como ponentes Benxamín Balboa Cereijo, bombeiro forestal; Davide Rodríguez Estévez, tamén bombeiro forestal e deputado de En Marea no Parlamento Galego; e Manuel Martínez Méndez, bombeiro e representantes sindical da CIG en Ourense, membro da Plataforma Asociativa de Sindicatos de Bombeiros Forestais. Vanesa Garrido Blanco, membro de C@urel Vivo, introducirá e moderará esta parte.
A última das mesas terá lugar ás 17:00 horas, titulada ‘Fronte ao abandono da terra, a valoración do monte’, con Víctor Álvarez Arias, técnico da Consellería do Medio Rural e concelleiro en Lugo por LugoNovo; Félix Domínguez Cortiñas, alcalde de Manzaneda; e Paula Verao, deputada de En Marea no Parlamento Galego, que fará de moderadora.
Con esta xornada, Lídia Senra continúa o debate que xa impulsou en outubro do 2016, cando a eurodeputada organizou un evento similar na cidade de Ourense para analizar, naquel caso, o negocio do lume.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.