Lídia Senra vota contra o Produto Paneuropeo de Pensións Individuais: “É un insulto para a maioría social”

A eurodeputada critica duramente no pleno da Eurocáramara que se vaia destinar diñeiro público, a través de vantaxes fiscais, para apoiar o PEPP
Publicado por o día 04/04/2019 na sección de AGE,Política

Lídia Senra vota contra o Produto Paneuropeo de Pensións Individuais: “É un insulto para a maioría social”

O Produto Paneuropeo de Pensións Individuais (PEPP) que hoxe se somete a votación no pleno do Parlamento Europeo paréceme un insulto á clase traballadora, un insulto á mocidade precaria, un insulto ás mulleres, un insulto a tantas e tantas persoas que non teñen emprego. Creo firmemente que para realmente garantir sistemas públicos de pensións e pensións dignas temos que votar non a este PEPP e poñernos a traballar en outro tipo de medidas e nun regulamento que axude aos Estados a fortalecer os sistemas públicos de pensións e a ter pensións dignas. O noso futuro, o feito de que na vellez teñamos unha vida digna, non pode depender de se as persoas temos capacidade de aforro ou non. Paréceme unha falta total de ética que se destine diñeiro público, que se establezan vantaxes fiscais, para apoiar este PEPP. Vaise traspasar diñeiro público ás arcas do negocio de quen vai vender estes produtos privados. Intolerable”. Así o manifestou a eurodeputada Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), e candidata de En Marea ás próximas eleccións europeas de maio, esta mañá no pleno da Eurocámara, en Estrasburgo, durante o debate previo á votación sobre a Proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello sobre un PEPP.

Tal e como xa anunciara, Lídia Senra votou NON a esta proposta de regulamento e tamén votou NON ao Informe sobre o tratamento fiscal dos produtos de pensións individuais, incluído o PEPP. En liña co traballo que ven desenvolvendo1, a eurodeputada chama a continuar combatendo este PEPP na rúa e nas institucións, a pesar de que hoxe quedara aprobado polo pleno debido á maioría neoliberal que impera nas institucións europeas (338 votos a favor, 143 en contra e 139 abstencións).

Así, resalta a grande importancia que tivo e segue a ter a campaña #NonPEPP #NoPEPP posta en marcha pola Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións e o Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN). “A campaña e a oposición social a este PEPP é tan importante que incluso hoxe, no debate do pleno do Parlamento Europeo, quedou de manifesto que preocupa moito a quen sigue defenden este Produto inadmisible. Por iso, temos que seguir loitando contra el e contra a privatización dos servizos públicos”, considera Senra.

Para a europarlamentaria, non hai dúbida algunha de que as ventaxas fiscais que se lle outorgan ao PEPP implican “seguir saqueando as arcas públicas a favor de quen máis ten” e acusou ao vicepresidente da Comisión Europea (CE) e comisario de Fomento do Emprego, Crecemento, Investimento e Competitividade, Jyrki Katainen, de “mentir descaradamente” durante o debate de hoxe ao dicir que o PEPP vai reducir a fenda das pensións. “Todas sabemos que a fenda de xénero e a que a fenda entre pensións vai aumentar con este Produto Paneuropeo de Pensións Individuais”, declara Senra.