Maior tamaño, profesionalización, diferenciación e sinerxía con outros sectores, retos para o sector vitivinícola

A facturación concéntrase maioritariamente en micro-empresas
Por o 28/01/2019 | Sección: Galicia,Ourense,Universidade de Vigo
Maior tamaño, profesionalización, diferenciación e sinerxía con outros sectores, retos para o sector vitivinícola

Maior tamaño, profesionalización, diferenciación e sinerxía con outros sectores. Estes son a grandes liñas os retos que para o sector vitivinícola galego debuxa o Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Gen da Universidade de Vigo. Expertos da entidade presentaron este venres un documento, titulado Planificación e proxección do sector vitivinícola de Galicia: realidade, desafíos e retos, no que analizan a situación actual do sector e o seu futuro.

O documento, asinado por José Francisco Armesto e Patricio Sánchez, este último profesor na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, foi presentado no Concello de Ourense nun acto que contou tamén coa participación de José González, conselleiro de Medio Rural, e Jesús Vázquez, alcalde de Ourense. Segundo sinalan en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, “a industria vitivinícola constitúe un sector estratéxico para a economía galega atendendo non só á súa importancia económica, senón tamén dada a súa dimensión social, cultural e medioambiental”. Galicia, detállase no documento, conta con cinco das noventa denominacións de orixe que hai en España (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras), cun emprazamento xeográfico concentrado no sur da comunidade.

Presente

“O minifundismo empresarial coincidente co dos sectores agrícola e gandeiro galegos: en 2016 case a quinta parte do total de explotacións galegas (18,3%) correspondían a viñedos”, sinalan os expertos do Foro Económico de Galicia. Así, detallan, “a estrutura empresarial no que atinxe ao número de empregados e facturación concéntrase moi maioritariamente nas micro-empresas, que supoñen catro de cada cinco empresas en canto ao emprego (un 82,6%) e case tres cuartas partes por facturación (un 71,8%)”.

Na análise da realidade do sector, José Francisco Armesto e Patricio Sánchez sinalan como o sector vitivinícola non é alleo aos cambios que se están a producir nos mercados internacionais, como son a negociación da nova política agraria común ou o grao de exposición da industria ao Brexit, tendo en conta que Reino Unido é o segundo mercado das exportacións españolas. Neste senso lembran como as cifras do comercio exterior do viño con denominación de orixe galega amosan como o 20% da colleita de 2016 tivo como destino o mercado internacional. “Este feito manifesta que a nivel mundial o do viño (nomeadamente o de calidade) é un mercado que apenas ten padecido a crise económica”, comentan. Ademais, engaden os expertos, o viño galego véndese a prezos superiores aos españois, de 1,61 euros o litro fronte a un e de 4,94 euros fronte a tres euros se se trata de caldos de denominacións de orixe.

Futuro

Neste contexto, José Francisco Armesto e Patricio Sánchez apuntan como os retos que ten que afrontar o sector se poden agrupar en catro grandes áreas, todas elas interrelacionadas. O primeiro sería a necesidade de aumentar o tamaño das explotacións, “que presentan una superficie media inferior a 0,2 hectáreas, cando no conxunto do estado se sitúa arredor de 1,8 hectáreas”. O segundo sería a profesionalización do sector, “que se reflicte na necesidade de incorporar xente nova á actividade, nunha mellora da dinámica innovadora, e na transformación dos procesos de comercialización e internacionalización”. O terceiro reto fala de buscar sinerxías con outros sectores como o turismo ou a gastronomía e o último de afondar no modelo de negocio de xeración de valor baseado na diferenciación, a calidade e a singularidade dos viños, destacando neste eido o papel dos consellos reguladores das denominacións de orixe.

“O viño constitúe unha fonte de riqueza, emprego e cohesión territorial, reforzando o carácter identitario dunha rexión. A industria vitivinícola galega debe considerarse un sector estratéxico claro na economía de Galicia, un sector que non deixou de innovar co obxectivo de adaptarse aos rápidos e fondos cambios nos patróns de produción e consumo (que vai en descenso, tendencia que seguirá producíndose de aquí a 2030, segundo as estimacións da Comisión Europea no ámbito da UE)”, comentan por último os autores do estudo.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.