Máis de 150 especialistas reuniranse en xuño en Vigo no XXXIII Congreso Internacional de Economía Aplicada, Asepelt 2019

Centrarase na Economía Azul, co acento posto nas actividades marítimas e o desenvolvemento sostible
Publicado por o día 09/04/2019 na sección de Eventos

Máis de 150 especialistas reuniranse en xuño en Vigo no XXXIII Congreso Internacional de Economía Aplicada, Asepelt 2019

Máis de 150 especialistas participarán o vindeiro mes de xuño en Vigo no XXXIII Congreso Internacional de Economía Aplicada, Asepelt 2019, un evento organizado pola agrupación estratéxica Ecobas e a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, coa colaboración do Concello de Vigo, Autoridade Portuaria e Zona Franca. O encontro, que se celebrará na sede viguesa da Afundación do 19 ao 23 de xuño,  constitúe desde hai dúas décadas un claro referente como lugar de encontro do persoal investigador do campo da Economía Aplicada e do traballo realizado neste eido en diferentes países, enriquecendo o coñecemento e xerando un foro de debate e discusión comprometido.

O congreso, completarase ademais con actividades académicas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e con dúas experiencias de coñecemento directo ao Baixo Miño e ás illas Cíes.

Economía, mar e desenvolvemento sostible

Con Vigo como escenario de fondo, o comité organizador decidiu centrar esta nova edición do congreso na Economía Azul, pondo o acento nas actividades marítimas e o desenvolvemento sostible, aproveitando que “a propia Universidade de Vigo se ten orientado significativamente ao estudo das ciencias mariñas, incluíndo nelas tamén a economía”, tal e como explican desde o comité científico, presidido polo profesor Carlos M. Fernández-Jardón. Nesta liña, desde este comité  lembran tamén que o crecemento azul formúlase na Unión Europea como unha estratexia de apoio ao crecemento sostible dos sectores mariño e marítimo, recoñecendo a importancia de mares e océanos como oportunidades da economía europea polo seu gran potencial en termos de innovación, crecemento e sostibilidade.

Doutra banda, o congreso servirá como foro de debate sobre os avances obtidos neste campo e as súas achegas para crear unha contorna económica e lexislativa que proporcione os incentivos axeitados. A planificación e xestión eficaz do espazo mariño e os seus recursos, o desenvolvemento e aplicación de estándares, as mellores prácticas para o aproveitamento sostible dos recursos e o recoñecemento da sinerxía entre economía marítima e terrestre serán algúns dos temas a tratar nun congreso que busca “cooperar activamente, compartir información e coñecemento para contribuír a acadar un futuro sostible e próspero para todos”, salientan desde o comité organizador.
Xunto con estes obxectivos, en Asepelt 2019 abriranse outros campos de interese “en liña coa tradición investigadora marcada en anteriores edicións, dando continuidade aos obxectivos de análise xa consolidados nos nosos departamentos e grupos de investigación de referencia”.

Sesións plenarias, mesas redondas e preto de 20 sesións paralelas

As e os asistentes ao congreso poderán gozar dun total de tres sesións plenarias, diferentes mesas redondas e 18 sesións paralelas para a exposición dos grupos de comunicación e traballos agrupados por áreas temáticas. Ademais, realizaranse actividades previas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus; exporanse os póster cos traballos de investigadores/as noveles e concederase o I Premio Bernardo Pena Trapero, creado para premiar ás novas e novos investigadores e promover o traballo científico no ámbito da Economía Aplicada. O premio será para o mellor traballo de carácter inédito e non publicado presentado no congreso e asinado por un ou varios investigadores menores de 35 anos.

Xunto coas sesións que se realizarán ao longo da semana do congreso, Asepelt 2019 contará coa conferencia plenaria de Antón Costas, catedrático de Economía Aplicada da Universitat de Barcelona que porá o broche de ouro ao evento cun relatorio sobre un novo contrato social para o século XXI.

Envío de comunicacións ata o 13 de abril

Todas aquelas persoas interesadas en enviar os seus resumos, comunicacións, artigos ou póster poden facelo ata o vindeiro sábado 13 de abril a través da páxina web asepelt2019.es. Coas conferencias e cos mellores traballos publicarase un número monográfico da revista Estudos de Economía Aplicada, coa temática específica do lema de Asepelt 2019.