O programa “Prendendo butacas na casa”, co que a Deputación quixo achegar este Nadal o teatro a todos os fogares da provincia, pechou o pano o pasado domingo 3 de xaneiro cun excepcional respaldo por parte do público. Deste xeito, as funcións virtuais que a institución provincial ofreceu a través da súa web foron seguidas por máis de dúas mil persoas ao longo destas festas. A presidenta provincial, Carmela Silva, quixo destacar este seguimento nesta primeira experiencia de teatro virtual que organizou a Deputación, logo de que as restricións da pandemia obrigaran a reformular as funcións presenciais previstas para o pasado outono en diversos concellos.
Desde a pasada Noiteboa ata o domingo 3 de xaneiro ofrecéronse un total de oito funcións virtuais, cada unha delas a disposición do público durante 24 horas na páxina da Deputación á disposición da veciñanza, a cargo das compañías Cooperactiva, Butaca Zero, Ibuprofeno Teatro, A Feroz, Baobab Teatro, Viravolta, Tanxarina Títeres e Educa Teatro, maioritariamente da provincia. O pico das visitas rexistradas tivo lugar o día de Nadal, 25 de decembro, con preto de 200 para ver a obra “Camiños”, de Butaca Zero; seguida de “O mel non caduca”, de Ibuprofeno Teatro.
“Prendendo butacas na casa” formou parte do programa desenvolvido pola institución para a “Re-acción Cultural” na provincia, tendo coma obxectivo principal o de animar ao público a encher de novo os teatros en canto as condicións o permitan, así como devolverlles ás e aos profesionais da cultura todo o que ofreceron durante os meses de confinamento e do estado de alarma.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.