Máis de 200 persoas participarán esta fin de semana no programa da Deputación “En ruta coa Depo”

Veciñas e veciños de Cambados, Vigo e A Guarda percorrerán recursos turísticos das comarcas do Morrazo e do Salnés
Publicado por o día 23/08/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Máis de 200 persoas participarán esta fin de semana no programa da Deputación “En ruta coa Depo”

A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana a través do programa “En ruta coa Depo” tres novas excursións nas que participarán máis de 200 persoas de tres concellos da provincia de Pontevedra. En concreto, trátase de 216 veciñas e veciños de Cambados, Vigo e A Guarda, que percorrerán distintos enclaves das comarcas so Salnés e do Morrazo.

Máis polo miúdo, 108 persoas da Asociación de Veciños e Veciñas O Batuqueiro de Vilariño, de Cambados, visitarán Cangas este sábado para coñeceren o conxunto histórico, a igrexa do Hío, o miradoiro da costa de Soavela e Cabo Home. Nesta ruta tamén pararán en Bueu e visitarán o Museo Massó e Cabo Udra.

Tamén o sábado, 54 usuarios e usuarias da Asociación da Sociedade Cultural Recreativa e Deportiva Xestas de Vigo percorrerán diferentes puntos do Salnés. Visitarán a illa da Toxa, darán un paseo en barco pola ría e coñecerán o Museo da Salga, o centro do Grove e o xacemento da Lanzada. Da mesma ruta poderán gozar o domingo 25 de agosto outras 54 persoas da Fundación Las Samaritanas da Guarda.

O programa “En ruta coa Depo 2019” oferta este ano máis de 20.000 prazas e 32 rutas para gozar dun día de convivencia, con xantar e transporte incluídos, por lugares emblemáticos da provincia. Con esta iniciativa a Deputación de Pontevedra pretende crear espazos de unión e convivencia impulsando a igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. O programa pretende tamén dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra, dotar as asociacións de recursos para promover o envellecemento activo e promover os recursos máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, se poida sentir orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao contorno.