Máis de 200 persoas participarán este sábado na XV Andaina Tudense organizada polo club AndaTui RegodaPedra coa colaboración do Concello de Tui.
Na presentación desta actividade celebrada onte á tarde na casa do concello de Tui estiveron presentes o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Deportes, Andrés Urseira, e os responsables do Club AndaTui, José Martínez Tato, Xosé Manuel Novoa, e Lourdes Vázquez.
O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, deu os parabéns aos responsables do club AndaTui pola importante traxectoria de quince anos organizando esta andaina con tres vertentes xa que por unha banda favorecen a práctica de exercicio, por outra o coñecemento do territorio e do patrimonio e por último polo seu carácter solidario.
O concelleiro de Deportes, Andrés Urseira, sinalou que a andaina tudense sorprende cada ano cun percorrido novo, polo que felicitaba ao club AndaTui pola organización deste evento así coma das andainas que dentro do programa deportivo da Eurocidade se celebran en Tui.
O presidente do Club Anda Tui, José Martínez Tato, explicou que a Andaina Tudense é a andaina máis antiga que se celebra na provincia de Pontevedra. Partiu co obxectivo de ensinar o Parque Natural do Monte Aloia a aqueles que participan na mesma, e de feito nestes quince anos ten sempre subido ao cumio do monte por un traxecto diferente. Este sábado partirán ás 10.30h dende o Centro Interfederado para realizar ao longo da xornada 26 quilómetros, e tras xantar no cumio do monte regresar ao punto de partida. No percorrido pasarán polo río Deique, a Pedra do Acougo, o mirador de Cabeciñas, o Rego da Pedra, os muíños do Tripes, o conxunto histórico, a senda da Pedra Santa, entre outros lugares. No remate, sobre ás 18h, de novo na rúa Olímpicos Tudenses, celebrarase unha carreira de aros, unha proba que Martínez Tato destacaba que seguramente sexa única a nivel nacional.
A inscrición, cun prezo de 12 €, pecha hoxe na web www.andatui.es. O sábado na recollida do dorsal débese entregar un quilo de alimentos que será doado a SOS Tomiño Baixo Miño. Nos quince anos de Andaina Tudense teñen participado máis de 5 mil persoas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.