Máis de 4.000 persoas maiores da provincia gozarán este ano do programa Depotermal 2018

“Temos unha poboación moi envellecida e polo tanto temos que ter recursos para fomentar un envellecemento activo e unha mellor calidade de vida”, asegurou a presidenta
Publicado por o día 11/06/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Máis de 4.000 persoas maiores da provincia gozarán este ano do programa Depotermal 2018

A Deputación de Pontevedra aprobou, en Xunta de Goberno, a adxudicación e concesión de prazas do programa Depotermal 2018, pola que un total de 4.058 persoas maiores da provincia gozarán desta iniciativa, na que a institución provincial inviste 52.240 euros. “Certamente temos unha poboación moi envellecida, e polo tanto, temos que ter recursos e programas coma este Depotermal que permitan aos máis maiores ter un envellecemento activo e coa mellor calidade de vida posible”, salientou a presidenta Carmela Silva.

Ao igual que nas anteriores edicións, Depotermal conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. Da asistencia diúrna, segundo a adxudicación aprobada hoxe, vanse aproveitar 1.180 persoas, mentres que con pernoita haberá 2.878 persoas. En total, son 4.058 persoas beneficiarias. Deste total de prazas, a Deputación de Pontevedra financia integramente máis de 400 prazas para que familias en situación e/ou risco de exclusión social se poidan beneficiar desta iniciativa.

Depotermal 2018 vaise desenvolver nun total de 11 establecementos termais da provincia. En Sanxenxo están o Spa Carlos I Silgar, Gran Hotel Talaso, Spa Nueva Astur Vilalonga e Hotel Galatea. No Grove participan o Balneario Eurostars Illa da Toxa e o Hotel Louxo A Toxa. Os outros establecementos son o Balneario de Mondariz, o Balneario Termas de Cuntis, o Talaso Atlántico de Oia, o Balneario Baños de Brea en Vila de Cruces e o Spa Vía Argentum en Silleda.

O plan de termalismo social Depotermal ten por finalidade dous obxectivos. Por un lado, fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, establecendo novas relacións sociais e favorecendo a participación en actividades sociais, promovendo así espazos de encontro e intercambio de experiencias. Por outro lado, Depotermal tamén pretende ser un plan dinamizador da economía da provincia, a través do que se impulsa a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, desestacionalizando así a demanda.