Un total de 6.752 persoas participarán nas oposicións convocadas pola Xunta de Galicia para cubrir 76 prazas de persoal laboral fixo na categoría de camareiro/a limpador/a – axudante/a de cociña.
O vindeiro martes, 29 de xaneiro, está prevista a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da resolución da Dirección Xeral de Función Pública pola que se aproban e se fan públicas as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas nesta oposición convocada no DOG do sete de marzo de 2018.
Este proceso selectivo forma parte da maior convocatoria simultánea de oposicións realizada pola Xunta nos últimos anos, que inclúe 18 procesos selectivos e un importante número de prazas en quenda libre en distintas áreas da Administración galega.
As relacións definitivas de persoas admitidas e excluídas, poderanse consultar no portal web corporativo. No caso da listaxe de persoas excluídas, con indicación da causa determinante da súa exclusión, figurará tamén como anexo da resolución que se publicará no DOG.
Novas oposicións
O Goberno galego aprobou en decembro a oferta de emprego público da Administración Xeral da Xunta de Galicia para o ano 2018 cun total de 2.225 prazas, o que supón esgotar un ano máis a taxa de reposición que permite o Estado, e triplicar o número de prazas ofertadas no anterior exercicio. Esta OEP irase desenvolvendo nos vindeiros meses.
O aumento de prazas ofertadas é consecuencia da recuperación económica e tamén dos acordos acadados coas organizacións sindicais, e ten un dobre obxectivo: garantir a posibilidade de que calquera persoa que cumpra os requisitos poida opositar para traballar na Xunta de Galicia, e garantir o dereito á promoción profesional dos empregados públicos que xa están traballando na Administración galega.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.