Malo será! chega este venres ao Salón Teatro de Lalín

Carlos Blanco unirase como convidado especial ao elenco de actores e actrices habitual do programa da Televisión de Galicia, liderado por Marta Doviro, Marcos Pereiro e Federico Pérez
Publicado por o día 03/01/2019 na sección de Galicia,Lalín

Malo será! chega este venres ao Salón Teatro de Lalín

A caravana da Televisión de Galicia fai este venres a primeira parada do ano en Lalín. Malo será!, o programa itinerante que achega a televisión aos teatros de todo o país, gravará un dos programas da súa segunda temporada no Salón Teatro da capital do Deza. Dúas horas de humor protagonizadas polos mellores cómicos da escea galega, aos que se unirá como convidado especial para este programa o actor e humorista arousán Carlos Blanco.

Malo será! é un espectáculo gravado en falso directo que achega todo o que rodea á televisión aos teatros das cidades e vilas de toda Galicia, e que á vez permite aos espectadores da Televisión de Galicia gozar cun espectáculo de teatro desde as súas casas. Trátase dunha sucesión sketches cómicos que acompaña unha banda de música en directo, e que protagonizan as grandes estrelas da comedia do noso país.

Marcos Pereiro, Federico Pérez, Lucía Veiga, Cristina Andrade, Oswaldo Digón, Sara Fandiño e Sabela Hermida serán as actrices e actores cos que poderá gozar o público de Lalín este venres. Un elenco liderado por Marta Doviro, a presentadora deste exitoso formato que o pasado verán obtivo sensacionais datos de audiencia na televisión, e encheu en todos e cada un dos teatros nos que estivo.

As entradas para o espectáculo pódense mercar por 10 euros a través de Ataquilla.com