A Xunta abre mañá, e durante un mes, o prazo para que as entidades de acción voluntaria e os concellos inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia presenten os seus proxectos de Voluntariado Sénior, novo programa que ten como finalidade incorporar aos maiores de 55 anos como persoas voluntarias. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os requisitos para beneficiarse desta nova liña de subvencións da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que nesta primeira convocatoria conta cun crédito de 120.000 euros.
Deste orzamento, 55.000 euros destínanse a propostas de entidades locais, que poderán solicitar a achega conxuntamente e baixo calquera fórmula: agrupación, asociación, mancomunidade ou fusión, entre outras. Os 65.000 euros restantes resérvanse para entidades de acción voluntaria. En ámbolos dous casos, as subvencións concederanse en réxime de concorrencia competitiva.
Os proxectos subvencionables deberán ter unha duración de entre 15 e 60 días, e levaranse a cabo entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro deste ano 2019. Ademais, contarán con ata oito persoas voluntarias por proxecto e as xornadas de voluntariado serán de tres horas diarias como mínimo.
Darase prioridade aos proxectos que teñan as seguintes temáticas: promoción do Camiño de Santiago e do Xacobeo 2021; actividades de recuperación da cultura, a arte e as tradicións galegas; conservación e mellora da natureza e creación de contornas sustentables; igualdade de xénero; iniciativas orientadas á innovación e investigación sobre o benestar dos maiores; accións de humanización de contornas rurais e urbanas; fomento de uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación; sondaxes sobre as necesidades da veciñanza; eliminación dos estereotipos sobre as persoas maiores e fomento da cooperación interxeracional entre os maiores e a mocidade, como xeito de aprendizaxe mutuo.
O programa de Voluntariado Sénior cumpre un triplo obxectivo. O primeiro, manter a Galicia como comunidade de referencia neste ámbito, con máis de 8100 persoas que participaron en iniciativas autonómicas de voluntariado en 2018, un 5% máis que o ano anterior. O segundo é contribuír ao envellecemento activo e o terceiro obxectivo consiste en aproveitar os coñecementos e a experiencia das galegas e galegos de máis idade, que ten unha importancia vital a nivel social.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.