Manolo González, un dos grandes impulsores do audiovisual galego, recibe a mención honorífica na gala de inicio do Primavera do Cine

A segunda xornada do VIII Primavera do Cine estará marcada pola gala de inauguración, un acto no que Manolo González recibirá o premio a súa traxectoria, sempre vinculada ao eido audiovisual galego
Publicado por o día 30/04/2019 na sección de Galicia,Cultura,Vigo

Manolo González, un dos grandes impulsores do audiovisual galego, recibe a mención honorífica na gala de inicio do Primavera do Cine

O Primavera do Cine en Vigo, que celebra a súa oitava edición do 30 de abril ao 5 de maio, afrontará unha segunda xornada chea de curtametraxes e longametraxes galegas e lusófonas. Ademais, a súa tradicional gala inaugural terá lugar ás 21.00 no barrio do Calvario (Urzáiz, 162). Neste caso e, como novidade, será un evento ao aire libre e de balde onde arrincará a sección oficial de longametraxes coa proxección de No intenso agora.

Na inauguración, o certame concederá a mención honorífica a un dos grandes impulsores do audiovisual galego: Manolo González, que será homenaxeado pola súa incansable labor en favor do cinema e a historia audiovisual galega, polas súas labores didácticas sempre co fin de dar a coñecer o cine galego e polo apoio que ofrece ás novas xeracións.

Ademais na gala de presentación, e coincidindo co Día do Traballador, poderase ver a unha das obras mestras do cinema documental actual: No intenso agora, do brasileiro João Moreira Salles. Un documental que, a través de diferentes imaxes de arquivo falará dos eventos de maio do 68 en París, a Primavera de Praga e a Chinesa comunista de Mao.

A PROGRAMACIÓN

Previo a gala de inauguración, no Instituto Camões de Vigo proxectaranse diferentes curtas galegas e lusófonas. Así, o primeiro pase é ás 18.00 e estará composto por catro obras galegas, mentres que no segundo pase, ás 19.30, exhibiranse catro curtas lusófonas.

 

Deste xeito, todos os asistentes ao bloque 1 de curtas galegas poderán ver Mariñeiro de Juan Galiñanes, un falso documental protagonizado por Celso Bugallo que aborda as dificultades do traballo no mar e que recibiu a Mención Especial do Xurado na última edición do Ourense Filme Festival (OUFF); Plus ultra de Samuel M. Delgado e Helena Girón, unha peza de ficción experimental que fabula sobre a colonización; Beautiful Boy de Fran X. Rodríguez, unha historia sobre o consumismo que estivo nomeada a Mellor Curtametraxe na última edición dos Premios Mestre Mateo e De repente, la noche de Cristina Bodelón e Ignacio de Vicente, un drama familiar que narra a historia dun matrimonio e da súa loita para salvar a súa filla enferma.

 

Xa no segundo pase, o bloque 2 de curtas lusófonas estará composto por Equinócio de  Ivo M. Ferreira, un drama sobre a perda da memoria; Primeiro Ato de Matheus Parizi, unha obra na que se verá como dous estudantes de teatro intentan convencer aos seus compañeiros de que se unan a eles para intentar desmantelar as políticas culturais de Brasil; Altas cidades de ossadas de João Salaviza, un relato sobre Karlon, o pioneiro do Cape Verde Creole Rap e estreado na Berlinale de 2017; ou Terrain  Vague de Latifa Saïd, seleccionado en TISFF de Grecia en 2017 ou no Festival Internacional de Curtametraxes Vila do Conde que amosa a vida de Omar, un traballador do Magreb que se sente incómodo ante as mulleres e a súa relación con Rita, coa que tratará de superar os seus complexos.

 

Durante todas as xornadas de proxeccións no Camões, os asistentes poderán gozar duns petiscos doces e salgados cortesía do Instituto Camões e dun albariño Carallán, xentileza de Adegas Terrae, un dos patrocinadores do festival.

 

OS PREZOS

As entradas aos bloques de curtas galegas e lusófonas pódense adquirir no Instituto Camões desde media hora antes do comezo das proxeccións e cada un deles ten un custo de 3€. Toda a información sobre a sección oficial está na web do festival.