A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou hoxe no Pazo Provincial o libro “María Vinyals. Un talento rebelde”, que se vai distribuír nos centros de educación secundaria da provincia. “O noso obxectivo non só é dar a coñecer, unha vez máis, a historia de María Vinyals, senón que o que queremos é levar a súa historia a prol da igualdade aos centros educativos, xa que a educación é o instrumento máis valioso para cambiar o mundo”, resaltou a presidenta.
A obra está escrita por Isabel Blanco, ilustrada por Luz Beloso e editada pola editorial Belagua, contando co asesoramento histórico de Silvia Cernadas. A Deputación inviste case 10.000 € nos gastos de edición e impresión desta primeira edición, da que saen 1.500 exemplares, que se van distribuír integramente nos centros escolares, mentres que as próximas edicións que se fagan xa se comercializarán.
Carmela Silva destacou que, con esta iniciativa, dende a Deputación se quere seguir reivindicando a figura de María Vinyals, unha pioneira na defensa da igualdade entre homes e mulleres, “unha muller extraordinaria que deixou unha forte pegada na provincia de Pontevedra, en Galicia e no mundo enteiro”. Lembrou que por iso leva o seu nome a Escola de Igualdade impulsada pola Deputación ou tamén a súa figura serve de fío condutor de “Somos historias”, a iniciativa para amosar a riqueza patrimonial e natural do destino Rías Baixas.
A presidenta aproveitou a presentación desta obra para facer un recoñecemento público a todas as persoas que levan anos traballando para visibilizar a figura de María Vinyals, “unha gran muller que a historia quixo silenciar, pero que agora estamos sacando á luz. Mulleres como María Vinyals, que tanto aportaron, teñen que ser un referente para o presente e para o futuro, e por iso queremos que todos e todas a coñezan”.
Así mesmo, Silva salientou a aposta pola igualdade que se vén facendo estes anos dende a Deputación de Pontevedra, recoñecendo o gran traballo realizado dende a área específica de igualdade creada na institución e impulsando a igualdade coma un dos eixos transversais da acción de goberno.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.