Medio Ambiente apraza as probas para a obtención da primeira licenza de caza

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica a resolución pola que se suspende este exame de xuño, ao tempo que avisa de xeito individual ás 50 persoas que se ían a presentar ás probas
Publicado por o día 11/05/2020 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

Medio Ambiente apraza as probas para a obtención da primeira licenza de caza

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda apraza as probas para a obtención da primeira licenza de caza. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se apraza a celebración das probas correspondentes á convocatoria de xuño para a obtención da primeira licenza de caza regulada pola Orde do 1 de xuño de 2007 pola que se regula o exame do cazador na Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta decisión adóptase en base ao Protocolo de actuación para o persoal empregado público da Administración da Xunta de Galicia en relación co coronavirus COVID-19, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, no que se establece que órgano convocante de cada proceso selectivo en curso haberá de pospoñer, polo tempo imprescindible –como mínimo dous meses– a celebración de probas selectivas, especialmente aquelas de concorrencia masiva; así como á recomendación das autoridades das diferentes comunidades autónomas á cidadanía de evitar as viaxes que non sexan necesarios.

A Consellería de Medio Ambiente convocou para o mes de xuño a celebración destas probas, para as que 50 persoas presentaron a correspondente solicitude, o que se traduce na concorrencia dun número significativo de aspirantes, moitos dos cales se desprazan desde diversas poboacións de Galicia.

Paralelamente, desde os servizos provinciais da Consellería comunicarse persoalmente esta decisión a cada un dos inscritos, así como a posibilidade de presentarse nas próximas convocatorias, que terán lugar o primeiro luns dos meses de setembro e/ou decembro. Nese sentido, ábrese un período de dez días para estas persoas trasladen aos servizos de Patrimonio Natural das Xefaturas Territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda as súas preferencias á hora de participar nas vindeiras convocatorias que se celebrarán no presente ano.

Por outro lado, as persoas que tiveran traslado a súa solicitude e agora declinen a súa participación nas próximas convocatorias do ano 2020 poderán solicitar a devolución da correspondente taxa.