A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio organiza este inverno un total de 14 rutas guiadas ao Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG). Baixo o lema Descubrindo o Parque Nacional, estas visitas, de carácter totalmente gratuíto e dirixidas por guías profesionais do parque, pretenden contribuír a dar a coñecer o patrimonio natural e ambiental do arquipélago fóra da tempada estival.
Durante a campaña ofreceranse un total de 236 prazas para visitar o parque. A idea é traballar sempre con grupos reducidos para poder ofrecer unha visita de calidade e o máis personalizada posible, ao tempo que se garante a preservación dos valores do entorno. A primeira das visitas está prevista en Cíes para o vindeiro domingo, 9 de febreiro, e a actividade prolongarase ata o 25 de abril, data na que se celebrará a última.
Cómpre lembrar que este programa de visitas guiadas ao Parque Nacional das Illas Atlánticas naceu en febreiro do ano 2014 e ata o momento, xa participaron nel máis de 1.400 persoas. A súa finalidade é animar aos cidadáns de todas as idades a coñecer os valores naturais e culturais deste espazo fóra da tempada estival, unha época de menor afluencia na que se poden descubrir outros aspectos singulares deste espazo de gran valor natural.
Os interesados en participar nalgunha das rutas poderán reservar a súa praza a partir do próximo luns na web de reservas dos parques nacionais ou facelo de forma presencial nas oficinas do Parque Nacional en Vigo (rúa Oliva, nº 3) ou no centro de visitantes (rúa Palma, nº 4).
O prazo para inscribirse seguirá aberto ata catro días antes da visita e para cada unha delas abrirase unha lista de agarda coa que cubrir eventuais baixas. De feito, en caso de non poder asistir e tendo en conta á alta demanda que ten a actividade, cada participante deberá anular a súa reserva na mesma páxina web como moi tarde tres días antes.
Cada solicitante poderá inscribirse xunto cun máximo de tres acompañantes, que deberán estar debidamente identificados. Ao igual que en edicións anteriores e dado que o número de prazas é limitado, só se poderá reservar e participar nunha soa das rutas previstas ao longo deste trimestre. En calquera caso, durante esta nova edición de Descubrindo o Parque Nacional ofertaranse case o dobre de rutas que no inverno pasado e a programación chegará aos catro arquipélagos.
Cómpre lembrar que todas as actividades guiadas ás illas son de balde, aínda que os participantes deberán asumir o custo do seu transporte. No caso de Cíes e Ons, poderán acceder a través da liña regular que as distintas navieiras autorizadas ofrecen, ou ben achegarse en embarcacións privadas autorizadas. Para acceder a Sálvora e Cortegada, onde por razóns de conservación non hai transporte regular diario, o propio parque organiza un transporte especial pero o custo do billete deberá asumilo igualmente o interesado.
Temática diversa
A temática das 14 rutas programadas entre febreiro e abril é diversa e poden dividirse en dous grandes bloques. Por unha banda, Illas con vidILLA, excursións pensadas para que os asistentes descubran os valores naturais de cada unha delas –as árbores de Cortegada, a diversidade de paisaxes naturais a través das flores no caso de Ons ou a fauna mariña e as algas de Sálvora-; e pola outra Illas con historILLA, nas que os guías centraranse en dar a coñecer as pegadas históricas presentes nas illas, propoñéndolle ao visitante unha viaxe no tempo en Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.
Como en anos anteriores, nesta ocasión tamén haberá rutas especiais pensadas para familias con nenos de entre 5 e 12 anos. Realizarase durante o período de vacacións escolares de Semana Santa, propoñendo unha visita ás Cíes e ás Ons a vista de paxaro e outra centrada nas pedras costeiras de Cíes, aproveitando a baixamar para descubrir os trucos de supervivencia que aplica a fauna mariña e as algas desta zona. Como máximo poderanse inscribir dous nenos con cada adulto participante na actividade.
Na seguinte táboa indícanse as datas das visitas, os títulos e as prazas dispoñibles por día:
Illa
|
Data
|
Ruta
|
Prazas/día
|
Ons
|
Domingo 16 de febreiro
Martes 24 de marzo
11 de abril
19 de abril
|
Ons no tempo
Ons, de flor en flor
Ons a vista de paxaro
Ons, de flor en flor
|
17
17
20
17
|
Cíes
|
Domingo 9 de febreiro
Sábado 4 de abril Venres 10 de abril |
Cíes no tempo
Cíes a vista de paxaro
Cíes entre mareas
|
25
20
10
|
Sálvora
|
Domingo 23 de febreiro
Domingo 15 de marzo
Xoves 9 de abril
Sábado 25 de abril
|
Sálvora no tempo
Sálvora no tempo
Sálvora entre mareas
Sálvora entre mareas
|
22
22
12
12
|
Cortegada
|
Xoves 20 de febreiro
Domingo 8 de marzo Venres 17 de abril |
Cortegada no tempo
Cortegada no tempo
Cortegada, illa de árbores
|
12
15
15
|
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.