Medio Rural cede unha motobomba ao concello pontevedrés de Moaña para reforzar a loita contra os incendios forestais

O vehículo utilizarase para tarefas de vixilancia e para todo tipo de actuacións relacionadas coa prevención e a loita contra os lumes
Publicado por o día 10/04/2018 na sección de Galicia,Moaña

Medio Rural cede unha motobomba ao concello pontevedrés de Moaña para reforzar a loita contra os incendios forestais

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha orde da Consellería do Medio Rural pola que se acorda a cesión en propiedade dun vehículo motobomba ao concello de Moaña, para a realización de tarefas de vixilancia e de todo tipo de actuacións relacionadas coa prevención e a loita contra os incendios forestais.

No texto da orde lémbrase que segundo a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais, correspóndelle aos concellos colaborar cos medios dispoñibles coa Dirección Técnica de Extinción de lumes. Ademais, nesta mesma norma dise que a Xunta prestaralle a súa colaboración ás entidades locais para a prevención e extinción de incendios, ben a través de medios propios, ben por medio de mecanismos de apoio económico.

A cesión faise, ademais, consonte á normativa reguladora das bases do réxime local, que establece que lles corresponde aos concellos exercer no ámbito territorial da súa responsabilidade competencias en materia de prevención e extinción de incendios, nos termos da lexislación do Estado e das comunidades autónomas.

Así, neste caso o concello pontevedrés que recibe a motobomba deberá cumprir coas obrigas da Dirección Xeral de Tráfico e realizar o trámite de cambio de titularidade do vehículo, facerse cargo de todos os gastos de mantemento do vehículo e os derivados do seu uso, os propios do seguro, inspección técnica e demais impostos.