Meis estrea este domingo a terceira edición das “DepoRutas BTT” da Deputación de Pontevedra

Coa saída ás 10.30 h comezará a primeira proba deste ano, cun percorrido de 41,29 quilómetros que pasará polos montes da Escusa, Arcos e Castrove
Publicado por o día 23/08/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Meis estrea este domingo a terceira edición das “DepoRutas BTT” da Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra inaugurará este domingo a terceira edición das súas “DepoRutas BTT”. Concretamente, a estrea da nova edición do programa deportivo chegará no Concello de Meis, que acollerá unha proba cun percorrido de 41,29 quilómetros polos seus montes e cun desnivel positivo acumulado de 721 metros.

A DepoRuta BTT de Meis, que se iniciará ás 10.30 h, ten como punto de saída a praza de España da vila. A ruta dirixirase primeiro en dirección a San Salvador de Meis, onde comezarán os ascensos aos montes da Escusa, Arcos e Castrove. Nestas ascensións poderase gozar dunhas marabillosas vistas da ría de Arousa. Posteriormente, as e os participantes continuarán cara ao mosteiro de Armenteira e á subida ao curro da Escusa. Desde este punto poñerán rumbo á liña de chegada, situada no punto de inicio da proba.

Tras a cita de Meis, a seguinte DepoRuta BTT terá lugar o 15 de setembro en Silleda. Para esta proba haberá 300 prazas dispoñibles e o prazo de inscrición estará aberto a partir do luns 26 de agosto na web da Deputación de Pontevedra. Posteriormente, o 29 de setembro, terá lugar en Nigrán; o 20 de outubro, en Salceda de Caselas; e, por último, a derradeira ruta será o 27 de outubro en Cangas.

O programa “DepoRutas BTT” ofrece 5 rutas totalmente gratuítas cun máximo de 300 participantes en cada unha. O obxectivo da iniciativa da Deputación de Pontevedra é fomentar o deporte á vez que se poñen en valor os montes da provincia, coa súa riqueza natural, ecolóxica e patrimonial inigualable. O programa está dirixido a todas as persoas maiores de 16 anos que gocen do deporte en contacto coa natureza.