Mestizaxe de estilos no Vidal Bolaño coa nova colleita musical de Ensaiamos

A banda terá a oportunidade de ir á Escola de Rock de Paredes de Coura
Publicado por o día 30/04/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Mestizaxe de estilos no Vidal Bolaño coa nova colleita musical de Ensaiamos

As bandas Spleen e Veintisiete e a solista Cayetana foron os protagonistas do Festival Ensaiamos Colleita 2019 que se celebrou, este luns, no Teatro Roberto Vidal Bolaño do campus de Vigo. Esta iniciativa recolle a unha selección de artistas que forman parte do programa de ensaios gratuítos que cada ano organiza a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria.

Durante o transcurso das actuacións, tanto o xurado coma o público outorgaronlle a máxima puntuación a Veintisiete, que quedou como grupo gañador e terá a oportunidade de participar no próximo evento organizado pola Escola de Rock de Paredes de Coura, un taller paralelo ao festival que se celebra na vila portuguesa e no que os participantes se formarán nun campamento musical que dura entre dous e sete días.

Tres bandas seleccionadas de entre as sete participantes

Sete son os grupos que, dende o pasado mes de outubro, participan no programa Ensaiamos, pero foron tres os que tiveron a oportunidade de subir ás táboas do Vidal Bolaño para ofrecer aos asistentes un espectáculo no que achegaron distintos estilos musicais ao teatro da Cidade Universitaria.

A primeira en subir ao escenario foi Cayetana, unha solista que mestura o inglés, o galego e o castelán para compoñer temas de tipo popular e tradicional que se fusionan con ritmos provintes do pop e do rock. Tras ela, foi a quenda dos compoñentes de Spleen (Manuel Naveira á guitarra, Alejandro Solla nos teclados e Manuel Castro ao baixo e batería), unha banda cuxa expresión artística vén dada pola mestura de estilos, que van dende o rock ata o jazz, pasando polo blues e o pop. Por último, para completar a velada, os compoñentes de Veintisiete (Paula Andrés coma vocalista, Jesús Martínez no baixo, Uxía Tarrío e Mireia Nuño ás guitarras e Pedro Llovo na batería) ofreceron un repertorio composto por versións de grupos de rock dos 90 e 2000.