Mextrópoli, a principal cita de deseño urbano e arquitectura de Latinoamerica, quere coñecer o modelo Pontevedra

O alcalde e a concelleira de Promoción da Cidade viaxarán a Cidade de México para participar o día 19 nunha conferencia maxistral neste foro internacional.
Por o 13/03/2018 | Sección: Galicia,Pontevedra
Mextrópoli, a principal cita de deseño urbano e arquitectura de Latinoamerica, quere coñecer o modelo Pontevedra

O Concello de Pontevedra estará presente na vindeira edición de Mextrópoli, o evento máis importante de América Latina, vinculado ao deseño urbano e á arquitectura. É unha cita internacional que ten unha media de 55.000 asistentes durante seis días, do xoves 15 ao martes 20 de marzo. O Concello estará representado polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, que ademais da participación en Mextrópoli aproveitarán a súa estancia en Cidade de México para asinar un acordo de colaboración co Estado de Cidade de México en materia de desenvolvemento económico.

O Concello participará no congreso o luns, 19 de marzo, ás 10.10 horas cunha conferencia maxistral do alcalde sobre o proceso de transformación de Pontevedra, que abordará os elementos claves -tanto políticos como públicos- para realizar este proceso. Será no Teatro Metropólitan, no centro de Cidade de México por convite expreso da organización de Mextrópoli 2018 e a Secretaría de Cultura da Cidade de México.

O alcalde compartirá xornada cos gañadores do premio Prikzker 2017, RCR Arquitectos, de Olot; o director, guionista e productor de cine Alfonso Cuarón; Johnston Marklee, directores artísticos da Bienal de Chicago 2017; Michèle Larüe-Charlus, directora xeral de Ordenación e Planificación Territorial de Burdeos; Aaron Betsky, comisario da 11º edición da Bienal de Venecia,… entre outros.

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías explicou esta mañá que a presenza de Pontevedra nun foro desta envergadura suporá, ademais de amosar os seus logros urbanos, tamén manter contactos con representantes dos medios de comunicación internacional e con futuros prescriptores da cidade “que dificilmente o conseguiríamos cunha campaña de marquetin”.

De feito, a concelleira adiantou que “como xa temos feito algún lazo co Estado mexicano”, nesta viaxe “trataremos de rendibilizar ao máximo as visitas de promoción da cidade”. Por este motivo, o martes 20 de marzo, ás 11.00 horas, o alcalde asinará un convenio de colaboración coa Secretaría de Desenvolvemento económico do Estado de Cidade de México “para o crecemento de oportunidades entre ambas cidades”.

Formalizarase en cinco áreas de cooperación, e dentro do Desenvolvemento económico , por exemplo, contempla a promoción de acordos para negocios e inversións; misións comerciais; xerar espazos de promoción ecónomica; compartir información e brindar asesoría; promocionar o turismo; apoio á inversión directa…

Anabel Gulías destacou que a axenda que o Concello vai a desenvolver a vindeira semana en México “é unha boa mostra da capacidade de crecemento e posicionamento da cidade”.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.