Mos confirma en reunión coa Directora Xeral de Administración Local a previsión de que o seu GES estea operativo na primeira metade deste ano

Natalia Prieto mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia na que se abordou a creación e posta en marcha do novo GES Mos-Redondela para o que arrancarán os trámites o vindeiro mes de febreiro
Publicado por o día 28/01/2021 na sección de Galicia,Mos

Mos confirma en reunión coa Directora Xeral de Administración Local a previsión de que o seu GES estea operativo na primeira metade deste ano

A Directora Xeral de Administración Local, Natalia Prieto, mantivo esta mañá unha xuntanza por videoconferencia con representantes dos Concellos beneficiarios dos novos GES, entre os que se atopaban a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Emerxencias e Medio Ambiente Sostible, Leo Costas.

Mos terá un GES compartido con Redondela e, no caso do municipio mosense, a previsión é que poida estar operativo durante o primeiro semestre deste ano 2021 e os trámites para elo comezarán o vindeiro mes de febreiro. O novo GES Mos-Redondela estará dotado de 12 operarios, 6 para Redondela e 6 para a localidade mosense.

Os representantes municipais do Concello de Mos, Arévalo e Costas, declararon hoxe que “a concesión deste novo GES para Mos non é froito da casualidade, senón que a administración local mosense conta cun Servizo Municipal de Emerxencias que por número de habitantes non estaría obrigada a ter e que está dotado dunha partida do orzamento municipal anual de 100.000 euros, dunha base cunhas instalacións totalmente equipadas, dun coordinador do Servizo traballador municipal e de 4 camións motobomba”.

“É por elo que esta metade do GES que compartimos con Redondela é sobradamente merecida”, insistiu a rexedora local mosense, “e como alcaldesa continuarei a traballar para lograr conseguir un GES completo para Mos”. Arévalo concluíu insistindo na gratitude á Xunta de Galicia por esta nova dotación tan necesaria para a localidade mosense e aplaudida pola veciñanza.

O Grupo de Emerxencias Supramunicipal mosense que estará operativo nesta primeira recta do ano integrarase dentro do mencionado Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Mos.

A renovación do mapa de emerxencias de Galicia acordada mediante un recente convenio pola Xunta, a Federación Galega de Municipios e as deputacións provinciais modifica a distribución dos efectivos dispoñibles na comarca de Redondela. Así, o GES (Grupo de Emerxencias Supramunicipal) desta localidade pasa a unirse co de Mos, aínda que ambas as bases mantéñense. Desde elas atenderanse as necesidades de Mos, Redondela, Pazos de Borbén e Soutomaior.

Como xa se dixo a alcaldesa, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Emerxencias, Leo Costas, manifestáronse hoxe satisfeitos e agradecidos á Xunta de Galicia por mellorar e completar o mapa de emerxencias que cubre o territorio galego, a través de 6 novas agrupacións -5 GES e un servizo municipal financiado pola Xunta-.

O Goberno galego creará 6 novos servizos de emerxencias -1 na provincia da Coruña, 2 en Ourense e 3 en Pontevedra-, coa colaboración dos Concellos e Deputacións Provinciais, para ofrecer unha mellor atención e tempos de resposta. E un dos 3 novos GES de Pontevedra contará cunha base no municipio mosense.

Na Comisión de seguimento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), tamén están representadas a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as deputacións provinciais.

No caso da provincia de Pontevedra, contarase con tres novos Grupos Supramunicipais de Emerxencias: Arbo, A Cañiza, Covelo e Crecente serían atendidos polo GES da Cañiza; Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes, A Lama e Ponte Caldelas, por un novo GES con sede en A Lama; e Mos, Pazos de Borbén, Redondela e Soutomaior, polo GES Mos/Redondela, cunha base en cada un dos dous municipios.

En materia de financiamento, a Administración autonómica reafirma o seu compromiso para seguir colaborando no mantemento dos GES, postos en marcha en 2013 en consenso entre a Xunta, Deputacións e Concellos. De feito os 6 novos servizos, suporán un incremento no investimento por parte da Xunta de case 300.000 euros, ao pasar de 4,5 a máis de 4,8 millóns de euros, o que supón máis da metade do custo anual dos GES.

A este respecto desde o Concello de Mos solicítase tamén que a Deputación de Pontevedra se implique na dotación de equipamento aos Servizos de Emerxencias dos Concellos en xeral e ao Servizo Municipal de Emerxencias de Mos en particular, así como a GES e Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, das que Mos tamén conta con unha. Para estes colectivos a Xunta destinou nos últimos dez anos 15,3 millóns de euros. Ademais, as achegas do Goberno galego para financiar os cinco consorcios provinciais e comarcais de bombeiros superan os 9,8 millóns de euros.