En Mos ‘Xogamos tod@s’ a favor da igualdade

Presentouse a programación do Día da Muller que este ano ten como imaxe do cartel ás xogadoras do equipo feminino da Unión Deportiva Mos
Publicado por o día 06/03/2018 na sección de Galicia,Mos

En Mos ‘Xogamos tod@s’ a favor da igualdade

‘Xogamos tod@s’ é o lema da programación municipal que o Concello de Mos organiza con motivo do Día Internacional da Muller que se celebra o vindeiro xoves 8 de marzo. Lema que encabeza tamén o cartel oficial que este ano está protagonizado polas xogadoras do equipo de fútbol feminino da Unión Deportiva Mos.

Precisamente as xogadoras do U.D. Mos Feminino presentaron o programa municipal de actos do Día da Muller acompañando á alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, á concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, e ó presidente do club deportivo, Pablo Alonso Serodio.

As representantes municipais explicaron que as actividades deste ano comezarán o día 8 de marzo pola mañá cunha visita guiada polo Concello de Mos para que os fillos/as das traballadoras dos diferentes departamentos municipais poidan coñecer en detalle e de primeira man o labor e a valía profesional das súas nais.

Xa pola tarde, o xoves 8 de marzo ás 17.00 horas, realizarase unha andaina polo paseo do Louro (da que se levou a cabo a primeira edición o ano pasado cun gran éxito de afluencia), que comezará no Parque da Pesqueira na parroquia de Mos e rematará no Pazo de Mos, onde se ofecerá un aperitivo a todos/as os/as asistentes e Rocío Rial, especialista en Igualdade, ofrecerá unha charla.

Para o domingo 11 de marzo estaba organizado o Partido de Fútbol Xogamos Tod@s que, vistas as previsións meteorolóxicas moi adversas por intensa choiva, queda aprazado para o domingo 8 de abril ás 11.30 horas no Campo de Fútbol das Baloutas. No devandito partido participarán mulleres do Equipo de Fúbol Feminino Unión Deportiva Mos e de diversas asociacións mosenses entre as que se atopan, A Cividade, C.C. Abrente, C. Guizán, A.V. Dornelas, R.C. Torroso, Palilleiras de Mos, San Martín de Tameiga, A.E.C.C, MosAxuda, C.C.D. Santa Eulalia, As Pedriñas, A.V. Nosa Terra, C.C.S. Herville, Mulleres Rurais, Esclavas Virxen Dolorosa, A.V. Chan do Bosque, A.V. Ledicia, A.V. Santa Ana, A.V. Petelos, San Rafael de Pereiras, Mulleres de Teatro en Igualdade, Celado de Cela, ASODIFISI, ASOMAMOS.

As representes municipais e as xogadoras do Mos animan á veciñanza mosense a asistir como público a este partido no que haberá animación musical con DJ e que será unha auténtica festa en defensa da igualdade. Así espérase que o máximo número de veciños/as acudan a animar ás xogadoras e a pasar un rato divertido en familia.

Neste encontro xogarán tamén integrantes da Corporación Municipal entre as que se atoparán a alcaldesa e as concelleiras Cebreiro e Loureiro. Outras personalidades femininas de relevancia aportarán tamén o seu graíño de area a favor da igualdade participando neste partido, tales como a bailarina mosense Patricia Martínez, a atleta mosense Soledad Castro, etc.

Outras dúas actividades programadas para este marzo, mes da muller en Mos, son un monólogo de Stephy Llaryora e unha exposición das usuarias de EVD Galicia. O monólogo, sobre igualdade e co título de “Eu quero ser galega”, terá lugar o 24 de marzo no auditorio do Pazo de Mos, ás 21.00 horas con entrada libre e de balde ata completar aforamento.

A mostra das mulleres do Centro Ocupacional de EVD en Petelos celebrarase tamén no Pazo de Mos. Desde o verán do 2017, no Centro Ocupacional de EVD Galicia en Mos, puxeron en marcha un proxecto sobre reciclaxe e medio ambiente con diversos talleres formativos e creativos. Nos que se crearon diferentes obras que forman parte da exposición Artereciclado. E agora celebran a inauguración da devandita exposición, que terá lugar no Pazo de Mos o 14 de Marzo ás 18.00 horas. A exposición estará aberta ao público desde o 14 de marzo ao 14 de abril. A visita libre poderase realizar en horario do Pazo, de 17.00 a 21.00 horas de luns a sábado. Os domingos e festivos permanecerá pechada. E para a realización dunha visita guiada coas persoas que participaron na elaboración das obras, pódese facelo os luns, xoves e venres en horario de 10.00 a 12.00 horas. Para iso hai que solicitalo a través da dirección de correo: centroocupacional.mos@evdgalicia.com