“En 2020 os concellos de máis de 5.000 habitantes terán que compostar ou recoller os biorresiduos de xeito separado por lei e baixo ameaza de sanción”. Así o explicou hoxe o vicepresidente Mosquera nunha reunión mantida con máis de 100 representantes dos concellos adheridos ao Plan Revitaliza e persoal técnico provincial para explicar os cambios inminentes na lexislación estatal de residuos.
O vicepresidente destacou que o pasado 18 de maio o Ministerio de Medio Ambiente aprobou o último borrador do anteproxecto de lei polo que se modificará a normativa actual de residuos. Este novo texto normativo incorpora unha novidade que cambiará radicalmente a xestión do lixo, xa que o colector verde de fracción resto mesturada, tal e como se coñece agora, será eliminado: os biorresiduos (restos de comida e vexetais) terán que ser compostados ou recollidos de maneira separada.
Mosquera explicou que a modificación da lei fomenta os principios de autosuficiencia e proximidade para tratar os residuos o máis cerca posible da orixe poñendo como prioritarias a compostaxe individual e comunitaria e, onde non se poida, facendo unha recollida para tratamento posterior en planta. “Por algunha desas tres vías, compostaxe individual, comunitaria ou recollida en colector marrón e traslado a planta haberá que cubrir o 100 % dos biorrresiduos dos concellos de máis de 5.000 habitantes antes de 2020. Iso vai ser así, si ou si, por normativa”, advertiu.
Os prazos marcados –moito máis esixentes que os inicialmente previstos– establecen que os concellos de máis de 5.000 habitantes estarán obrigados a seguir estas directrices con prazo máximo do 31 de decembro de 2020, e os de menos habitantes en 2023. O vicepresidente apuntou, neste sentido, que aínda que o borrador non está pechado, os obxectivos temporais non van variar moito, xa que a Unión Europea puxo como data límite o 2023 na súa directiva. “Como aquí hai experiencia de que non se cumpre un prazo queren adiantar os requirimentos. Poderá variar un ano arriba ou abaixo, pero esta obriga non ten saída”, sentenciou.
Mosquera destacou que a normativa pasa directamente a obrigar aos concellos a seguir a liña de xestionar os biorresiduos, unha cuestión que ata agora “estaba máis diluída” e era case un “voluntarismo”, polo que instou aos concellos a adoptar as medidas para cumprir obxectivos “coa axuda da Deputación, da Xunta ou quen corresponda, para cumprir con estes prazos que son terriblemente apertados”.
Neste sentido, o nacionalista lembrou que a proposta do Revitaliza, que en 2015 parecía “moi audaz e moi novidosa non era tal”, xa que toda a normativa camiñaba xa nese sentido: “todo estaba xa nas directivas europeas, nas normas estatais, no plano de residuos de Galicia do 2011, estaba todo escrito e parece que había que falar doutras cousas e mirar para outro lado. Despois veu o paquete de economía circular que tamén está trasposto na lexislación española”, destacou, para insistir en que “o colector verde de resto e mesturado ten que desaparecer si ou si, que foi o que nós propuxemos desde o principio”.
Sobre as sancións que puideran chegar polo incumprimento das normativas europeas o vicepresidente destacou que o Estado xa desviou as sancións ás comunidades autónomas e algunhas destas, como Cataluña, xa as desviaron aos concellos. “No caso de Galicia hai indefinición, pero agora, co borrador da modificación da lei, que aínda non é definitivo pero se vai aprobar rápido, habería que entender que as sancións van para os concellos en case todos os lados”, finalizou.
“Se apuramos, poderemos cumprir”
Con este novo marco normativo, Mosquera destacou que serán poucos os concellos do Estado que poderán cumprir obxectivos, e lembrou que co Plan Revitaliza da Deputación estanse a dar facilidades aos municipios da provincia. “Aos concellos que están adheridos (36) e que levan avanzado no Plan Revitaliza probablemente lles dea tempo. Aos demais vai ser dificilísimo, case imposible –asegurou–, pero polas súas características e o que teñen avanzado, a metade deles sería bastante posible, pero serían os únicos do Estado que poderían cumprir. Se cadra en Cataluña ou no País Vasco hai outros. Vai depender moito dos ritmos que lle poñan, mais se apuramos e nos aplicamos, dos que están adheridos podemos ter unha boa parte que chegarían a tempo, e incluso neste ano catro ou cinco”, dixo.
Na reunión técnica celebrada hoxe tamén se falou das convocatorias que están en marcha na Deputación para axudar a contratar persoal especializado, da presentación dunha guía de compostaxe individual “máis completa e actualizada que as que xa están editadas”, e da convocatoria que se aprobará a vindeira semana para crear unha bolsa de emprego de mestras e mestres composteiros.
Toneladas de biorresiduos tratadas
Finalmente, Mosquera tamén aportou datos sobre os ritmos do Plan Revitaliza: a día de hoxe trátanse 2.400 toneladas de biorresiduos por ano, o que equivale aos residuos orgánicos dunha vila de 13.000 ou 14.000 habitantes. “Se estes residuos estivesen todos xuntos, non diseminados por diferentes concellos, poderían aforrarse uns 450.000 euros ao ano en recollida e transporte”, asegurou. De cara a final de ano as cifras multiplícanse e, tendo en conta as novas instalacións de composteiros comunitarios e individuais, a previsión é que se tratarán entre 11.000 e 12.000 toneladas, o que suporía “unha cidade duns 65.000 habitantes (o 10 % da provincia) que podería aforrar ata dous millóns de euros en recollida e transporte”.
Pola súa banda, o asesor en materia de residuos, Carlos Pérez, aproveitou para lembrar unha vez máis os datos contrastados de toneladas de biorresiduos que se deixan de enviar a Sogama. Recoñeceu que o lixo que se envía a Sogama en toda Galicia está a aumentar nunha media do 2,8 % debido á fase de recuperación económica que se está a producir, algo que tamén acontece na provincia. Así e todo Pérez quixo analizar polo miúdo os datos dos concellos onde se está a aplicar o Plan Revitaliza.
Neste sentido explicou que no concello de Pontevedra vese que a evolución dos envíos a Sogama –a pesar de que o número de composteiros é só incipiente (só 18 comunitarios)– está equilibrando e contendo a tendencia xeral de subida. “Xa se nota sensiblemente, polo que sabemos que imos no bo camiño”, destacou, para aportar tamén os datos do concello de Vilaboa onde a proporción de composteiros instalados é maior.
En Vilaboa, segundo os datos contrastados de Sogama e Urbaser, no primeiro semestre de 2015 –cando aínda non estaba en marcha o Revitaliza– aumentou un 2,2 % o lixo enviado a Sogama. No segundo semestre, xa co Revitaliza en activo, a baixada foi do 3,5 %. No primeiro semestre de 2016, a baixada foi do 6,0 % e no segundo do 4,1 %. “Tendo en conta que en Vilaboa a tendencia é a subir do 2,2 %, poñendo a cifra máis conservadora, e sabendo que no último ano baixamos un 6 % e un 4 %, podemos dicir que a baixada real e efectiva dos envíos a Sogama xa está entre o seis e o oito por cento sen temor a equivocarnos”, finalizou.
Na reunión técnica de hoxe estiveron presentes representantes políticos dos concellos do Grove, Tomiño, Cambados, Valga, Pontevedra, O Rosal, O Porriño, Mondariz, Mondariz Balneario, Campo Lameiro, Vilagarcía de Arousa, Vilaboa, A Illa de Arousa, Ponteareas, Tui, Ribadumia, As Neves, Moaña, Silleda, Rodeiro, Caldas de Reis, Barro, Catoira, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Soutomaior, Bueu e Salceda de Caselas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.