“Mulleres en acción. Violencia zero” chega este mércores as Neves coa actuación de Olalla Cociña contra a violencia machista

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asistirá este mércores no IES Pazo da Mercé á actuación poética Cofre de maquillaxe, da poetisa luguesa
Publicado por o día 06/02/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, e pola deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, asistirá este mércores 7 de febreiro ás 12 horas, no IES Pazo da Mercé, á sexta intervención artística do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

Nesta ocasión, a protagonista da acción artística será a xornalista e poetisa Olalla Cociña, que presentará a súa acción poética Cofre de maquillaxe, unha obra que reflexiona sobre a ocultación das formas máis sutís do machismo e da violencia de xénero, aquelas que pasan desapercibidas diariamente, e a manipulación destas nos discursos mediáticos.

Cociña é unha poeta e xornalista galega licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Ao longo da súa carreira leva publicados os poemarios As cervicais da memoria (VIII Premio de Poesía Avelina Valladares), Aquí (intemperies), Libro de Alicia (VIII Premio Fiz Vergara Vilariño), Ningún precipicio e Vestir a noite(XIV Premio de Poesía Afundación 2016).

Mulleres en Acción. Violencia Zero” reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta terceira edición comezou en novembro de 2017 e novamente se celebra este ano en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal).