Mulleres de conto é o título dá XIX edición do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, que na tarde deste venres se inaugura no Pazo da Cultura e que un ano máis suma ás súas propostas unha exposición de traballos realizados polo alumnado do máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual da Facultade de Belas Artes. Os traballos de once alumnas e alumnos recóllense neste evento na exposición MI (Máster Ilustra) Mulleres Enc@ntadas. Gabinete de Retratos Particulares, á que achegan unha serie de ilustracións tanto de escritoras como de protagonistas femininas de diferentes obras literarias.
Mary Shelley, Virgina Woolf, Emilia Pardo Bazán ou a homenaxeada neste 2018 co Día das Letras Galegas, María Victoria Moreno, comparten espazo coas representacións da Alicia protagonista de Alicia no País das Marabillas ou da Xulieta de Shakespeare nunha exposición que, como explica a súa coordinadora, a profesora Itziar Ezquieta, inspírase na idea “dos gabinetes do século XIX onde había imaxes de personaxes importantes colocadas todas na mesma parede”. Partindo dunha serie de propostas achegadas por Ezquieta, foron as propias alumnas e alumnos as que decidiron que personaxe retratar para este gabinete ao que achegaron “uns resultados visualmente moi interesantes”, tendo en conta ademais que o punto de partida era precisamente “facer unha ilustración, non un retrato realista, partindo da súa propia liña de traballo, pero que tivese os caracteres e rasgos de cada persoa, o que é algo complicado”, sinala Ezquieta.
Andrea Alonso, Laura Carrillo, Sara Espinosa, Gels Galetrío, Bea Gregores, Emanuel Lomeña, Yvonne López, Laura Movilla, Estela Páramos, Alba Velázquez e María Villar son as once alumnas participantes nun proxecto que, como sinala Ezquieta, partía “do reto de intervir cada ano na mesma parede do salón dunha forma diferente”. Nese senso, esa idea do gabinete serviu como punto de partida para a articulación dunha mostra na que as escritoras aparecen retratadas en obras ovaladas e as personaxes de conto en pezas de forma circular e que se completa á súa vez cos “mapas visuais” sobre a historia das retratadas articulados polo alumnado e cun óvalo en branco de grandes dimensións no que se convida ás e aos asistentes ao salón a engadir “as súas propias mulleres encantadas e encontadas”.
Achegamento á ilustración mexicana
As escritoras e personaxes de conto súmase nesta exposición tamén un retrato da pintora Frida Kahlo, tendo en conta, ademais “de que o caderno persoal no que narra a historia da súa vida é un libro de artista”, que México é o país convidado desta edición do salón que se celebra ata o 29 de abril. De feito, o alumnado deste mestrado puido participar na tarde do xoves dunha visita privada no Museo de Pontevedra da exposición de ilustración mexicana Pintacuentos. Un percorrido guiado pola propia Ezquieta no que estiveron acompañados por dous dos artistas presentes na mostra, Cecilia Rémora e Valeria Gallo, que xunto aos tamén ilustradores Gabriel Pacheco e Amanda Mijangos desenvolverán ao longo da vindeira semana unha serie de talleres na Facultade de Belas Artes, dirixidos ao alumnado deste máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual.
Talleres que se suman á súa vez aos que se levarán a cabo no propio salón, cuxa ambientación correu un ano máis á cargo da asociación Paspallás, baixo a coordinación da profesora Begoña Paz e no que a Universidade de Vigo tamén estará representada en diferentes talleres, como os que impartirán o alumnado de CCSS e da Comunicación responsable do programa Radio Escaparate ou a sesión de contacontos que protagonizará o 27 de abril o alumnado da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. Ademais, no seo deste Salón do Libro Infantil e Xuvenil levarase a cabo a primeira edición do Congreso Internacional de Mediación Lectora, que baixo a coordinación da profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Eulalia Agrelo desenvolverase no Pazo da Cultura entre o 19 e o 21 de abril.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.