As concellarías de Xuventude e Deportes do concello de pontevedra presentaron esta mañá a publicación “Retos para garantir a igualdade nas Escolas Deportivas Municipais”, un estudo sobre as EDM elaborado pola Comisión de Igualdade das Noites Abertas nas que se aborda o problema da igualdade, con disciplinas masculinizadas e outras feminizadas, entre cativos de 4 e 14 anos. O estudo foi elaborado por unha comisión de expertos na que estiveron presentes os concelleiros de ambos departamentos cos técnicos respectivos, xunto a Anxo Gómez profesor de Educación Física do Instituto Sánchez Cantón; Carme Reboredo, membro da Comisión de Igualdade de Noites Abertas; Iria Vázquez, profesora de socioloxía da Universidade de Vigo e a tríatleta Alba Cuba.
Durante a celebración das Escolas Deportivas Municipais de 2016/2017 realizáronse entrevistas e enquisas entre 22 das 31 EDM, e entre 76 monitores. Tamén se fixeron entrevistas en profundidade con membros destacados das EDM para obter os resultados que serán presentados o sábado, ás 11.00 horas, no Pazo da Cultura aos clubs da cidade.
O estudo detecta que o primeiro dos problemas atópase na familia xa que distingue entre deportes masculinos e femininos, así como nos medios de comunicación de tirada estatal que loan, xeralmente, os éxitos das competicións masculinas.
Ademais, o estudo tira unha serie de conclusións relativas á actuación directa das EDM de Pontevedra como a necesidade de realizar cursos de formación en igualdade para o monitorado, facilitándolle un método de traballo neste eido; campañas de captación deportiva coa perfecta integración da muller; coidar a imaxe dos carteis promocionais de eventos; crear torneos que fomenten a práctica deportiva das mozas; ou mellorar as instalacións deportivas municipais normalizando a presenza da muller nestes espazos creando espazos específicos para elas, como pode ser o caso da reforma do Multiusos.
Os concelleiros adiantaron que se trata de conclusións que asume o Concello e que tamén servirá aos clubs para iniciar o traballo neste eido, facendo unha sociedade máis igualitaria.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.