Na procura de imaxes que rachen cos estereotipos de xénero na enxeñaría

O certame está aberto a toda a cidadanía e poden enviarse propostas ata o 5 de marzo
Publicado por o día 04/02/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Na procura de imaxes que rachen cos estereotipos de xénero na enxeñaría

Unha enxeñeira no alto dun aeroxenerador e outra traballando nunha canteira. Estas foron as dúas imaxes que o ano pasado gañaron a 1ª edición do concurso de fotografía MULLE.Rme, unha iniciativa da que agora se lanza a súa segunda edición e coa que a Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía busca rachar cos estereotipos de xénero no mundo da enxeñaría. Aberto a toda a cidadanía e organizado ao abeiro da celebración do 8 de marzo, día internacional das mulleres, o obxectivo deste concurso é dar visibilidade a muller nas actividades relacionadas coa profesión de enxeñaría de minas e enerxía.

As persoas interesadas en participar poden enviar propostas ata o vindeiro 5 de marzo. O único requisito é que as imaxes sexan orixinais e que amosen situacións, paisaxes ou circunstancias relacionadas con actividades relacionadas coa profesión de enxeñeira de minas e enerxía: produción de enerxía, renovables, explotación de minerais e rochas, túneles, restauración de espazos mineiros, avaliación de impacto ambiental, fabricación de materiais… A muller debe ser a protagonista activa da imaxe ou, no caso contrario, a súa ausencia porá de manifesto a masculinización da actividade.

Cada participante poderá enviar un máximo de tres imaxes e admítense tanto obras en branco e negro como a cor realizadas mediante calquera técnica fotográfica. O xurado que elixirá a imaxe gañadora estará formado por unha ou un fotógrafo profesional, un membro do persoal docente de cada un dos graos da escola, un integrante do persoal de administración e servizos da Universidade e representantes do alumnado da escola (un por cada grao).

250 euros para a fotografía gañadora e 125 para o 2º premio

A persoa que gañe recibirá como premio un cheque por valor de 250 euros e a que acade o segundo posto entregaráselle un talón de 125 euros. A maiores está tamén previsto obsequiar cun pau de autofotos valorado en 30 euros a imaxe que obteña a cualificación de accésit. Ademais, as obras premiadas exporanse temporalmente, xunto con todas as demais presentadas, no vestíbulo da escola.

En 2019 presentáronse a este concurso unha vintena de imaxes, facéndose co primeiro premio unha fotografía de Ana García na que se vía a unha traballadora no alto dun aeroxerador, entre as palas do aparello e coa paisaxe de fondo, imaxe que agora ilustra o cartel desta segunda edición.

A inauguración da exposición coas fotografías participantes e a entrega de premios terá lugar o vindeiro 11 de marzo ás 13.00 horas no vestíbulo principal da escola.