Nacho Carretero, Ramón Chao, Zehra Doğan e Julia Otero, candidatos ao XIV Premio Couso

Dúas mulleres e dous homes, tres deles galegos, concorren este ano ao Premio José Couso de Liberdade de Prensa, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. As propostas desta XIV Edición son Nacho Carretero, Ramón Chao, Zehra Doğan e Julia Otero.
Publicado por o día 20/03/2018 na sección de Eventos

Nacho Carretero, Ramón Chao, Zehra Doğan e Julia Otero, candidatos ao XIV Premio Couso

Os candidatos, que se distinguiron pola súa defensa da liberdade de prensa, foron propostos polos colexiados do CPXG, asociados do Club de Prensa de Ferrol ou por entidades e persoas relacionadas coa comunicación. Dende hoxe e ata as 19.00 horas do 10 de abril, os colexiados e colexiadas do CPXG e asociados e asociadas do Club de Prensa de Ferrol poderán elixir a candidatura gañadora.

Sobre os candidatos

Nacho Carretero, xornalista coruñés, ten traballado e colaborado en numerosas redaccións, demostrando a súa capacidade de adaptación a distintos formatos e a medios de diversa orientación. É autor do libro Fariña, publicado pola editorial Libros del K.O., sobre o narcotráfico en Galicia nos anos 80 e 90 do século pasado, que en febreiro deste ano 2018 foi secuestrado por orde xudicial.

Ramón Chao, veterano escritor e xornalista nado en Vilalba, desenvolveu a súa carreira en Francia, en medios como Radio France Internationale, TriunfoLe Monde ou Le Monde Diplomatique. Defensor da liberdade de prensa ao longo de toda a súa traxectoria, tamén realizou unha permanente reivindicación da lingua e a cultura galegas, dirixindo emisións radiofónicas en galego prohibidas pola ditadura franquista.

Zehra Doğan, xornalista kurda e editora da axencia de noticias Jinha, formada integramente por mulleres, atópase encarcerada na prisión de alta seguridade de Diyarbakır polo seu traballo como comunicadoraq, acusada polas autoridades turcas de “facer propaganda para unha organización terrorista”. A súa axencia Jinha foi pechada en 2016 polo goberno.

Julia Otero, monfortina, ten unha extensa carreira profesional vinculada principalmente á radio, aínda que tamén é salientable a súa etapa na televisión. Ao longo dos seus anos como xornalista, destacou pola defensa da liberdade de prensa e pola defensa da información rigorosa e contrastada. Os seus catro premios Ondas, entre outros galardóns, sitúana como unha das xornalistas de maior recoñecemento na actualidade.

As votacións

Coa proclamación das candidaturas queda aberto o prazo de votación. O xurado, composto por todos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e os asociados do Club de Prensa de Ferrol, decidirá o gañador. Os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar desde hoxe ata as 19:00 horas do 10 de abril co seu usuario e contrasinal na parte privada da web www.xornalistas.gal. Pola súa banda os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán facelo enviando un mail a premiocouso@xornalistas.gal.

O nome do gañador darase a coñecer nunha rolda de prensa. Está previsto que a entrega teña lugar o 3 de maio, Día da Liberdade de Prensa, en Ferrol. Como cada ano, o Concello de Ferrol cederá o teatro Jofre para celebrar os actos entre os que está prevista a actuación musical que cada ano ameniza o certame.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As trece edicións anteriores foron para Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).