Febreiro é un mes frío e invernal, pero tamén se comeza a albiscar a chegada da primavera, con días cada vez máis longos que convidan a retomar as actividades ao aire libre e a volver tamén a coller rutinas tras a época dos exames. Para isto, os obradoiros de Extensión Universitaria do segundo cuadrimestre ofertan un programa con nove talleres diferentes que pivotan principalmente na cultura e a natureza. Entre as propostas, abertas tanto á comunidade universitaria como ao público en xeral, hai clases para aprender a cultivar cogomelos, para crear unha horta ecolóxica ou para identificar plantas silvestres comestibles, pero tamén obradoiros sobre a historia exipcia, lingua de signos, teatro ou música tradicional galega. A principal novidade deste cuadrimestre é o taller de creación de contidos audiovisuais para redes sociais empregando o teléfono móbil. Trátase dunha proposta, impartida por Xoán Mariño, de Mr. Misto, para que as persoas interesadas aprendan a producir imaxes e vídeos de maneira eficiente empregando os móbiles, a través de aplicacións para crear gifts, gráficos, memes, infografías, etc.
Os cursos teñen todos unha duración de 30 horas e o prezo varía entre os 26 euros para membros da comunidade universitaria e os 40 para o resto de persoas interesadas. O prazo de matrícula abrirase o vindeiro martes 29 e a inscrición poderase formalizar ata o día 12 de febreiro a través da plataforma CulturXest. As clases arrancarán todas na segunda quincena de febreiro.
Da natureza…..
Dos nove cursos que se ofertan neste segundo cuadrimestre, catro deles centraranse no mundo natural. De igual xeito ca no primeiro cuadrimestre, desenvolverase un obradoiro sobre cogomelos, pero desta volta centrado no cultivo doméstico de especies de interese gastronómico, que terá lugar no laboratorio de Botánica da Facultade de Bioloxía. Outra das propostas é un taller para aprender a identificar, apañar e cociñar plantas silvestres, coas que as persoas participantes farán caldos, cremas, empanadas, pan… Outra alternativa para quen estea interesado no mundo natural é o obradoiro práctico de horta ecolóxica, para aprender a planificar e deseñar este tipo de terreos e os seus cultivos. Finalmente, arredor desta temática tamén está previsto un curso de iniciación ao desenvolvemento sostible, que se centrará nos 17 obxectivos da axenda 2030 para axudar aos participantes a cambiar hábitos para vivir cunha rutina máis respectuosa coa contorna.
….á cultura
O segundo dos bloques temáticos da oferta de obradoiros do segundo cuadrimestre céntrase no mundo da cultura. Desenvolverase un curso de introdución á cultura do antigo Exipto, no que os asistentes se achegarán, a través dos xeroglíficos, aos ritos, deuses e á cultura da morte na súa tradición. Outra opción é achegarse á lingua e cultura das persoas xordas, aprendendo mensaxes sinxelas que permitan unha comunicación básica en contornas laborais, sociais, educativos, etc. Ademais, outros dous obradoiros terán continuidade tras celebrarse no primeiro cuadrimestre. Por unha banda, o de música tradicional galega, no que os participantes se forman ao longo do ano nos instrumentos, bailes e cantos da man do grupo universitario Son das Lagoas. Por outro lado, desenvolverase a segunda parte do obradoiro de teatro, no que seguirán a traballar, da man de Teatro de Ningures, na posta en marcha dunha obra para a súa estrea na Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.