Naturnova pon en marcha os obradoiros de verán «Viaxes coa ciencia» para aprender e gozar coa Natureza

Están dirixidos a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e celebraranse durante todo o mes de xullo
Publicado por o día 13/06/2019 na sección de Eventos

Naturnova pon en marcha os obradoiros de verán «Viaxes coa ciencia» para aprender e gozar coa Natureza

Naturnova, o Centro Interactivo de Educación Ambiental de Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta «Viaxes coa ciencia», a súa programación de obradoiros de verán para que os máis pequenos se divirtan mentres que aprenden e se conciencian sobre a importancia do coidado do medio ambiente. Están dirixidos a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e celebraranse durante todo o mes de xullo, coa posibilidade de escoller os horarios de asistencia. Máis información e reservas no 986 120 088 ou en naturnova@afundacion.org.

Os participantes converteranse en investigadores do planeta Terra e terán que resolver unha serie de misterios realizando en cada sala do museo un experimento científico. Para poder pasar dunha sala a outra necesitarán un pasaporte que irán selando cada vez que resolvan as probas que se vaian atopando no percorrido. Será unha actividade dinámica e interactiva coa que nenas e nenos descubrirán as marabillas do noso planeta e a importancia de coidalo e protexelo.

Naturnova, inaugurado en 2003 co fin de ilustrar algúns dos aspectos máis interesantes da natureza mediante unha aprendizaxe lúdica, está situado na rúa Velázquez Moreno, 18. O espazo estrutúrase en tres salas divididas por temáticas. A primeira fai referencia ao universo e nela explícanse, ademais da galaxia e o sistema solar, as formas de movemento dos planetas e a súa situación dentro do sistema e o nacemento das estrelas. O seguinte espazo está centrado na Terra e nos trazos característicos que presenta, como o seu chan, a auga ou a atmosfera. Os seres humanos e a relación co medio é o núcleo temático da terceira sala. Ademais, como novidade, Naturnova estreou en decembro de 2018 un módulo no que o visitante pode explorar contidos relacionados coa paisaxe e a topografía de Galicia dun modo interactivo. Neste novo espazo de Naturnova instalouse unha mesa virtual Sandbox, unha ferramenta didáctica que desenvolve un sistema de realidade aumentada que permite realizar unha representación topográfica en tempo real mentres o usuario manipula a area dun caixón.

O sistema, que está instalado nos principais centros de divulgación científica do mundo como o Nemo de Amsterdam ou o Exploradome de París, permite ao usuario interactuar coa area, construíndo de forma virtual cordilleiras, encoros, vales zonas con auga etc. Unha ferramenta didáctica que mostra conceptos sobre xeografía, xeoloxía e hidrografía cunha tecnoloxía que sorprende e cativa ao visitante.

Están dirixidos a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e celebraranse durante todo o mes de xullo, coa posibilidade de escoller os horarios de asistencia. Máis información e reservas no 986 120 088 ou en naturnova@afundacion.org.