Ningún neno de Mos quedou sen xoguete este Nadal grazas a Mos Axuda, AEMOS e particulares

Os 58 cativos beneficiarios deste programa recibiron esta mañá os seus agasallos no Multiusos de mans dos Reis Magos
Publicado por o día 04/01/2019 na sección de Galicia,Mos

Ningún neno de Mos quedou sen xoguete este Nadal grazas a Mos Axuda, AEMOS e particulares

As Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar, entregaron hoxe os agasallos da campaña municipal solidaria, Mos Axuda no Nadal, no auditorio do Multiusos das Pozas, onde estiveron acompañados por un paxe real e por Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Sara Cebreiro, concelleira de Política Social, Julia Loureiro, edil de Participación Cidadá, e voluntarios/as de Mos Axuda.

Os pequenos/as que cumpriron o seu soño navideño grazas a este programa foron un total de 58, pertencentes a familias usuarias dos Servizos Sociais municipais.

A rexedora local mosense declarou que “esta iniciativa naceu perseguindo a finalidade de prestar axuda e protección aos máis necesitados, coa colaboración do empresariado, para poder levar a cabo este proxecto solidario e que todos os nenos/as de Mos fagan realidade o seu desexo nestas festas”.

Mos Axuda no Nadal é unha iniciativa solidaria promovida polo Concello de Mos en colaboración coa Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS, entre o seu tecido empresarial asociado, para que ningún desexo dun neno este Nadal quedase sen facerse realidade.

Os interesados en colaborar con esta campaña puideron mercar o seu agasallo para un neno/a mosense a través da páxina web municipal no link https://www.mos.es/mosaxuda-no-nadal/ e elixir entre os 58 os agasallos que integraban a listaxe publicada na páxina web do Concello de Mos.

Os agasallos que se podían comprar na web eran xoguetes, obxectos, materiais ou prendas que previamente os/as nenos/as beneficiarios/as pediran nas súas respectivas cartas aos Reis Magos. Deste xeito ningún cativo de Mos quedou sen cumprir o seu desexo neste Nadal.

Mos Axuda no Nadal incluiu tamén a xa tradicional campaña de recollida de alimentos nos centros educativos mosenses, asociacións do Concello, no Belén Solidario do Pazo de Mos (para ser visitado débese doar, como prezo de entrada, algún alimento destinado á campaña) e en 4 supermercados do municipio, Eroski, Gadis, Lidl e Día. Tamén colaboraron na doazón de alimentos empresas mosenses.

Rexedora local e edil de Política Social aproveitaron a entrega desta mañá para agradecer a colaboración cidadá dos veciños e veciñas de Mos neste proxecto.