Ningún neno de Mos quedará sen cumprir o seu desexo de Reis

Os 65 cativos mosenses beneficiarios da campaña Mos Axuda no Nadal recibiron esta mañá no Multiusos os seus agasallos de mans dos Reis Magos
Publicado por o día 08/01/2018 na sección de Galicia,Mos

Ningún neno de Mos quedará sen cumprir o seu desexo de Reis

Os 65 nenos e nenas mosenses beneficiarios/as da campaña municipal solidaria, Mos Axuda no Nadal, recibiron esta mañá no Multiusos das Pozas, de mans das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, o agasallo que desexaban para este Nadal.

Cumprir as ilusións destes 65 cativos foi posible grazas á colaboración entre o Concello de Mos, AEMOS (Asociación de Empresarios de Mos) e Mos Axuda, que decidiron poñer en marcha conxuntamente esta iniciativa solidaria baixo o título ‘Mos Axuda no Nadal. Ningún nen@ sen xoguete neste Nadal’. Mos Axuda no Nadal é unha iniciativa solidaria para que ningún desexo dun neno este Nadal quede sen facerse realidade.

Ademais dos Reis Magos, Melchor, Gaspar e Baltasar, na entrega de agasallos aos pequenos mosenses estiveron presentes Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, e Sara Cebreiro, concelleira de Política Social.

O sistema utilizado para conseguir os agasallos dos 65 cativos beneficiarios consistiu en que os interesados en colaborar con esta campaña podían mercar o seu agasallo para un neno/a mosense a través da páxina web municipal no link https://www.mos.es/mosaxuda-no-nadal/

Os agasallos que se podían comprar na web eran xoguetes, obxectos, materiais ou prendas que previamente os/as nenos/as beneficiarios/as pediron nas súas respectivas cartas aos Reis Magos. Como son 65 os pequenos beneficiarios, tamén son 65 os agasallos que integraban a listaxe entre a que podían elixir os empresarios e/ou particulares para mercar na páxina web do Concello de Mos.

Grazas a esta iniciativa, finalmente ningún cativo de Mos quedou sen cumprir o seu desexo neste Nadal. A rexedora local mosense declarou a este respecto que “esta iniciativa naceu perseguindo a finalidade de prestar axuda e protección aos máis necesitados, coa colaboración do empresariado, para poder levar a cabo este proxecto solidario e que todos os nenos/as de Mos fixeran realidade o seu desexo nestas festas. Grazas ao traballo e o interese de todos, logramos cumprir o noso obxectivo”, dixo Arévalo.

Rexedora local e edil de Política Social aproveitaron a ocasión para agradecer a colaboración cidadá dos veciños e veciñas de Mos e do tecido empresarial mosense neste proxecto.