O investigador Carlos Bravo Díaz, catedrático do Departamento de Química Física, foi nomeado profesor honorario da Marie Curie Sklodowska University de Polonia, a maior institución de educación superior de Polonia oriental, con máis de 20.000 alumnas e alumnos propios e arredor de 1600 estudantes de intercambio. O acto de entrega da distinción, outorgada en agradecemento á súa forte cooperación con esta institución no campo da ciencia e a promoción do coñecemento, realizarase nunha sesión solemne o próximo día 20 de xuño na Facultade de Química e contará coa participación do rector -Stanisław Michałowski-, autoridades académicas, docentes e estudantes.
“É un premio inesperado, xa que todo se fixo sen o meu coñecemento, pero non cabe dúbida de que é un orgullo e unha honra recibilo”, explica o catedrático vigués, quen explica que a súa relación con esta institución pública remóntase a hai máis de dez anos, cando comezou unha colaboración científica cun grupo de investigadores aos que coñeceu nun congreso celebrado en Berlín no 2008. Desde entón, cada ano visita esta institución, “ao menos durante sete-dez días”, durante os cales imparte seminarios, principalmente dirixidos a alumnado de doutoramento, pero aos que tamén asisten docentes. “Aproveito a miña estancia alí para discutir resultados e ideas con investigadores e estudantes de máster e doutoramento, de feito tiven xa a oportunidade de colaborar moi directamente na dirección dalgúns traballos fin de máster e teses doutorais”, recalca Bravo.
Distinción entregada a só seis docentes, a última en 2005
Entregada previamente a só seis docentes, a última en 2005, esta distinción supón para el “unha satisfacción inimaxinable,” que o fai reafirmarse “máis, se cabe, na miña intención de seguir promocionando a colaboración internacional e o intercambio de estudantes”, subliña o docente, ao tempo que explica que a raíz desta colaboración asinouse un convenio entre esta universidade e a de Vigo que facilita o intercambio de estudantes entre ambos centros. “Por outra banda, prodúceme certo desacougo pensar que, fóra da túa casa, recoñecen o teu traballo e valórano, mentres que na propia non se acostuma promocionar nin se facilita, con apoio económico, que isto se faga”, recalca Bravo.
Tras o acto de entrega da distinción, o día a día da relación non variará de forma significativa. “Comunícome con eles frecuentemente para discutir resultados e traballar en artigos de investigación e, sen dúbida, seguirei colaborando con estes investigadores na medida posible”, afirma, ao que engade que, ademais, un profesor de alí solicitou unha bolsa para vir un ano a traballar ao laboratorio que dirixe Bravo na Universidade de Vigo.
Investigador principal do grupo Antiox
Carlos Bravo Díaz é licenciado en Química pola Universidade de Santiago de Compostela (1986) e doutor pola mesma institución desde 1991, ano no que se incorpora como docente e investigador á Universidade de Vigo. Autor e/ou coautor de máis de cen artigos e capítulos de libros, é o investigador principal do grupo de investigación Antiox, un equipo no que se unen os esforzos de persoal investigador de Estados Unidos, Portugal, Chile, Polonia e España con coñecementos de reactividade química en sistemas organizados, química dos alimentos e nanomedicina.
Segundo explican na súa web, a súa actividade céntrase, sobre todo, no desenvolvemento de modelos mecanísticos para optimizar a reactividade en medios heteroxéneos (sistemas alimentarios e biolóxicos), mediante o uso de compoñentes bioactivos con propiedades antioxidantes. “Achegamos os nosos coñecementos tanto no campo da ciencia básica como no da aplicada colaborando con diversas universidades e empresas do sector privado”, recalcan na web.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.