Nova quenda esta semana no programa Depotermal 2019

Veciñas e veciños de 3 concellos da provincia gozarán desta iniciativa da Deputación de Pontevedra que este ano vai beneficiar a preto de 4.500 veciñas e veciños
Publicado por o día 24/06/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Nova quenda esta semana no programa Depotermal 2019

Desde este domingo e ata o vindeiro venres 28 de xuño, un total de 70 persoas da provincia maiores de 50 anos poderán gozar dunha nova edición do programa Depotermal 2019, organizado pola Deputación de Pontevedra. Máis polo miúdo, trátase da modalidade con pernoita na que participarán 70 persoas que virán dos concellos de Cerdedo-Cotobade, Pontevedra e Vigo. Así, aloxaranse en réxime de pensión completa, con accesos diarios aos circuítos termais, desde este domingo 23 e ata o vindeiro venres, no Hotel Balneario de Mondariz.

O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra ten por obxectivos promover o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, impulsar o establecemento de novas relacións sociais, favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciar espazos de encontro e intercambio de experiencias e evitar o illamento e situacións de soidade. Ademais, o programa tamén permite dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, desestacionalizando, así, a demanda.

Ao igual que nas anteriores edicións, Depotermal 2019 conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. Da asistencia diúrna vanse aproveitar 1.186 persoas, mentres que con pernoita haberá 3.233 persoas. En total, son 4.419 persoas beneficiarias. Depotermal trátase dun programa de termalismo dirixido a persoas nadas antes do 1 de xaneiro de 1969. Esta iniciativa ten por obxectivos fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas, establecendo novas relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, por medio de movementos que promovan espazos de encontro e intercambio de experiencias.